O plan de melloras previsto no barrio inclúe a substitución da pasarela de madeira sobre o río Mesoiro, unha intervención que xa está na súa recta final
Este martes, o Concello reabriu á cidadanía a área infantil de Mesoiro Vello, onde xa remataron as obras de ampliación dos espazos de xogo, unha intervención coa que o Goberno de Inés Rey dá resposta a unha solicitude da veciñanza do barrio.
Anteriormente, este espazo tiña unha superficie de 85 metros cadrados, que practicamente se duplicou tras as melloras efectuadas, aproveitando as parcelas lindeiras e unindo os dous espazos de xogo existentes previamente. Desta forma, a área infantil de Mesoiro Vello pasou a contar con 185 metros cadrados.
Ao ampliarse a superficie dispoñible, tamén se conseguiu habilitar novos xogos con máis capacidade para as nenas e nenos usuarios. Se as anteriores randeeiras e bambáns podían usalos 14 persoas á vez, agora poden xogar 32 rapazas e rapaces ao mesmo tempo.
Neste sentido, o Concello dispuxo unha nova randeeira metálica que inclúe estruturas para o gozo das crianzas e tamén un bambán-cesto, con capacidade para nove persoas usuarias e un rango de idade de ata 14 anos. Tamén se habilitou unha nova plataforma multixogo que inclúe un tobogán.
Ademais, no contexto da intervención tamén se instalou un novo valado de madeira no sector lindeiro á barreira vexetal que fai de bordo divisorio co leito do río Mesoiro, reforzando así a seguridade das persoas usuarias da área de xogos infantís.
Os traballos na pasarela de madeira sobre o río Mesoiro, na súa fase final
O plan de intervencións impulsado polo Goberno de Inés Rey en Mesoiro Vello inclúe, ademais, as obras para mellorar a accesibilidade na pasarela de madeira existente sobre o río Mesoiro, que forma parte do itinerario peonil que conecta a rúa Fonte Grande coa rúa Horta.
A este respecto, o Concello xa está a acometer os últimos detalles para abrir o paso á nova pasarela, xa visible, mais acoutada e pechada momentaneamente, ata que rematen nos vindeiros días as probas técnicas necesarias en termos de seguridade e carga.
A nova pasarela sobre o río Mesoiro ten sete metros de lonxitude e 2,5 metros de ancho, atendendo así a normativa vixente en termos de accesibilidade. Na superficie de paso dispúxose un novo pavimento de tarima antiescorregamentos, así como pasamáns adaptados a persoas con mobilidade reducida.