O cambio terá lugar a partir do luns 29 de xullo e manterase mentres duren as obras
O Concello de Frades informa de que o centro de saúde de Ponte Carreira estará pechado dende o luns 29 de xullo debido ao inicio das obras de renovación integral da cuberta do inmoble, incluídas nun convenio de colaboración asinado polo Concello de Frades e a Consellería de Sanidade. Polo tanto, dende o luns 29 de xullo e mentres duren os traballos, a atención sanitaria trasladarase ao Consultorio de Abellá.
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “esta obra vai mellorar considerablemente as condicións de atención aos pacientes e as condicións de traballo do persoal sanitario, polo que pedimos paciencia e desculpas polas molestias que poida ocasionar este traslado temporal da atención sanitaria ao Consultorio de Abellá”. Durante as últimas semanas, o Concello de Frades ofreceu a posibilidade de trasladar a atención sanitaria ás dependencias do centro sociocomunitario de Ponte Carreira, emprazadas a uns metros do propio centro de saúde, pero foron desestimadas pola Consellería de Sanidade, que apostou polo traslado ao centro de Abellá.
Obras a acometer
Estas obras están incluídas nun convenio de colaboración entre o Concello de Frades e a Consellería de Sanidade e suporán un investimento de algo máis de 48.000 euros para acometer a renovación integral da cuberta do centro de saúde de Ponte Carreira, así como a substitución dos toldos e impermeabilización da cuberta do consultorio de Abellá. Así, a actual cuberta do centro de saúde de Ponte Carreira, composta por chapas de aceiro, será substituída por outra cuberta de placas de policarbonato translúcidas e paneis sándwich illantes de aceiro.
Deste xeito, o centro de saúde gañará tanto en mellora do seu illamento como nun incremento da luminosidade, aproximadamente nun 90%. A maiores derrubarase un peto de fábrica de ladrillo que rodea o edificio e que será substituído por canalóns para a recollida das augas pluviais, con baixantes e rebosadeiros, o que evitará filtracións da auga da chuvia ao interior das instalacións e incrementará o confort dos pacientes.
Unha vez rematadas as obras en Ponte Carreira, acometeranse os traballos previstos no consultorio de Abellá e que inclúen a substitución dos toldos existentes por uns novos monobloc con brazo extensible de ancoraxe variable, con lona acrílica e acondicionamento motorizado e tamén a impermeabilización da cuberta exterior na zona de acceso, mediante a execución dunha cuberta plana non transitable, non ventilada, e autoprotexida de tipo convencional. A maiores, mellorarase o illamento térmico e a impermeabilización do consultorio.