Friday 22 de November de 2024

O Concello executa o proxecto de renovación dun camiño rural en Brañas de Tasaraño


● Trátase dunha intervención subvencionada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural FEADER no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-207 en Galicia.

● O importe total ascende a 56.845,74 euros.

O Concello de Camariñas executou en dúas fases o proxecto de renovación dun camiño rural en Brañas de Tasaraño, na parroquia de Xaviña. Unha intervención subvencionada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural FEADER no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia. O importe de ambos proxectos ascendeu a un total de 56.845,74 euros.

Como traballos previos, leváronse a cabo tarefas de limpeza e roza por medios mecánicos e manuais da cuneta na marxe esquerda do camiño. Tamén se procedeu á escavación dunha gabia coa dimensión axeitada para o soterramento da canalización de augas pluviais. Para isto, colocouse unha tubaxe de 500 milímetros de grosor, sumidoiros con reixas de fundición e pozos de rexistro de formigón. Paralelamente, instalouse unha canalización de drenaxe, cunha tubaxe de PVC para recoller e canalizar as escorrentías da chuvia.

Finalmente, tiveron lugar as obras de pavimentación do firme, delimitando a zona do tránsito rodado e a ampliación para o paso de peóns, un elemento que se presenta como novidade. Por último, pintáronse as marcas viais pertinentes no chan e unha baranda metálica de protección. Actuouse nun total de 215 metros.

O concelleiro de Obras e Urbanismo, Sergio Caamaño, insiste na necesidade “de dotar a todas as parroquias de infraestruturas no mellor estado posible, e que sexan seguras tanto para peóns como para condutores. Este é un claro exemplo do que estamos a facer noutros lugares, e a liña na que queremos seguir de cara ao futuro”.