Friday 22 de November de 2024

O Campo da Feira de Paiosaco acollerá ‘Horta da Laracha’ na fin de semana do 3 e 4 de agosto


Ademais de exposicións e venda de produtos, ofrecerá teatro de rúa, espectáculos musicais, obradoiros, showcooking e degustacións gastronómicas.

A Laracha é un municipio de referencia en Galicia e España na produción hortícola, con profesionais e explotacións agrarias de alto nivel das que saen os produtos variados e de alta calidade.

Nos últimos anos desde o Concello celébrase cada verán un evento que se marca como propósitos prioritarios poñer en valor tanto o labor dos profesionais do sector como o dos propios produtos. A sétima edición vaise celebrar na fin de semana do 3 e 4 de agosto no campo da feira de Paiosaco, e para darlle un impulso renovarase tanto a súa denominación como a oferta de actividades para todos os públicos.

Horta da Laracha foi presentada polo alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, e os representantes da cooperativa Cidadanía, encargada da xestión da programación.

O Concello porá as tradicionais casetas da feira a disposición das principais asociacións, explotacións agrarias e empresas que aportan valor aos produtos da horta local para realizar exposicións e venda durante ambas xornadas, o sábado desde as 10:30 h e o domingo a partir das 9:30 h.

Durante os dous días, pola mañá e pola tarde, haberá numerosas propostas culturais, formativas e de ocio para todos os públicos, tales como espectáculos teatrais de rúa, actuacións musicais, obradoiros de diversas temáticas, mostras, showcooking e degustacións gastronómicas. A programación será detallada nos próximos días.

José Manuel López Varela manifestou a súa “ilusión” por levar a cabo o programa, xa que este ano “vaise enriquecer o que se viña facendo en edicións anteriores” para que a cita “sexa unha referencia galega na promoción e posta en valor dos moitos e moi bos produtos de horta e derivados que temos na Laracha”.

Rocío López mostrouse convencida de que “a programación vai sorprender aos asistentes pola cantidade e calidade das propostas” e animou a “asistir en familia, xa que haberá actividades para os públicos adulto e infantil”. Tamén destacou que Horta da Laracha “ten por fin prioritario a posta en valor do traballo dos profesionais e dos produtos”, polo que animou “a que cada persoa se interese pola orixe deles e aposte polos produtos de proximidade á hora de mercalos”.

A sétima edición de Horta da Laracha é organizada polo Concello co patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.