Friday 22 de November de 2024

O pleno acorda incorporar aos orzamentos 600.000 euros procedementos do remanente líquido de tesoureria


Tamén se aprobou a nova ordenanza municipal para o préstamo temporal de axudas técnicas asistenciais.

Hoxe celebrouse a sesión ordinaria do Pleno do mes de xullo na que a maioría dos puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade dos tres grupos municipais.

O único asunto no que non houbo pleno consenso debido á abstención do grupo municipal socialista foi a aprobación da incorporación aos orzamentos municipais de 600.000 euros procedentes do remanente líquido de tesourería para reforzar diversidade de partidas no presuposto que permitirá facer fronte a gastos urxentes e inaprazables. O alcalde, José Manuel López Varela, detallou que este suplemento de crédito “é necesario” ante o incremento do gasto corrente dado que “están disparados os custes de servizos como o de axuda no fogar e o consumo enerxético”. En canto a obras de mellora das infraestruturas, apuntou que se financiará “como actuación máis potente” a estrada que comunica Requesende (Golmar) con A Xesta (Soutullo) e que dá acceso a Cerceda. En concreto, intervirase “no tramo de un quilómetro aproximadamente entre o cruce das Cardosas e Vilanova”. Ademais, tamén se asumiran con estes fondos os gastos da “redacción de proxectos importantes nos que se está traballando desde o Concello”, como por exemplo o de humanización da Avenida Doutor López Astray da Laracha.

Por unanimidade saíron adiante os tres asuntos relacionados coas ordenanzas municipais relacionadas co departamento de Servizos Sociais.

A máis destacada é a aprobación inicial da ordenanza do novo servizo de préstamo temporal de axudas técnicas asistenciais que se porán a disposición daqueles cidadáns que presenten dificultades na súa mobilidade e limitacións de medios económicos para facer fronte ao seu custo. Tratarase dun servizo municipal gratuíto mediante o que se ofrecerán produtos, instrumentos, equipamentos e sistemas técnicos que favorezan a permanencia dos beneficiarios na súa contorna familiar, melloren a autonomía persoal no desenvolvemento das actividades básicas da vida diaria e axuden a previr problemas de saúde. Inicialmente o catálogo de axudas técnicas estará formado por camas articuladas con colchón, varandas de suxeición e motor de elevación. No futuro prevese incorporar novos equipamentos segundo as valoracións e propostas técnicas dos profesionais do departamento de Servizos Sociais.
En relación ao regulamento do servizo de axuda no fogar, aprobouse a modificación para actualizalo ás normativas estatais e autonómica vixentes en materia de dependencia e incorporar novidades que optimicen a prestación do servizo. No que atinxe aos horarios que poden seleccionar os usuarios, amplíase en 30 minutos manténdose a primeira hora ás 8:00 h e retrasando a última ata as 21:30 h (actualmente é ata as 21:00 h), e tamén queda establecido en 30 minutos o tempo mínimo de duración do servizo. Outras cuestións que se modifican son criterios técnicos da adxudicación da lista de agarda, un máis esixente requirimento formativo para os profesionais que prestan o servizo e a posibilidade de implementar novas atencións segundo valoracións técnicas. Sobre o aspecto económico, redúcese a 24 horas (actualmente son 10 días) o tempo de antelación requirido para renunciar ao servizo sen ter que aboar a taxa correspondente e establécese entre o mínimo do 0 % e o máximo do 90 % do prezo real a cota tributaria a asumir polo beneficiario.

Ademais, acordouse a modificación da ordenanza que regula as condicións básicas de emisión e uso da tarxeta de estacionamento para persoas con mobilidade reducida co propósito de adaptala á normativa vixente. Un dos principais cambios no texto é o modo de devolución da tarxeta tralo falecemento da persoa beneficiaria.

Por último, López Varela deu conta das 200 resolucións de Alcaldía ditaminadas desde o último Pleno, agradecendo neste punto “o traballo do persoal do Concello para poder alcanzar este volume de actividade”.