A Administración local reedita o convenio coa Escola de Fútbol Irmandiños
O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e o presidente da Escola de Fútbol Irmandiños, Alberto Todosantos, asinaron o luns á tardiña en presenza do concelleiro de Deportes, Manel Martínez, o convenio de colaboración entre as dúas entidades co obxectivo de continuar promocionando o deporte tanto no noso concello como noutros da zona, ademais de facer a función de escola municipal de fútbol. Neste sentido, a Administración local comprometeu para a anualidade 2024 un total de 6.000 euros, que se farán efectivos mediante unha subvención nominativa en favor da escola. A EF Irmandiños naceu hai tres anos para reunir nun proxecto deportivo común a rapazada de San Sadurniño, As Somozas, Moeche e Cerdido, cuxos consistorios contribúen con distintas cantidades ao seu sostemento. Hoxe son 107 nenas e nenos desde prebenxamíns até cadetes participando nas ligas comarcais e a escola segue aberta a novas incorporacións. Aquelas familias que queiran apuntar as súas nenas e nenos poden poden enviar un correo a efirmandinos@gmail.com ou chamar ao teléfono 667 553 229.
O acordo suscrito establece que a colaboración se dirixe ao financiamento dos gastos correspondentes ao fomento do deporte e a participación da escola nas competicións federadas nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e xuvenil, xunto coa “formación educativa a nivel deportivo, social e en materia de hábitos saudables”.
O importe consignado polo Concello de San Sadurniño -6.000 euros- farase efectivo no momento en que a entidade achegue a xustificación dos gastos efectuados así como a memoria das actividades realizadas e os resultados obtidos. As facturas, resgardos de transferencias e outra documentación xustificativa teñen que presentarse antes do remate do ano, aínda que todo apunta a que non será necesario esgotar ese prazo e que a escola faga o trámite tan pronto como dispoña en gastos xustificables o sumatorio total da subvención, de modo que o consistorio tamén poderá ingresarlles antes a cantidade comprometida.
No convenio da subvención nominativa sinálase, ademais, que a Escola de Fútbol Irmandiños deberá reflectir na súa comunicación o apoio municipal -incluída a participación no Xeoparque do Cabo Ortegal-, empregar o galego e promover a igualdade e a inclusión. A este respecto indícase a participación da entidade nas campañas desenvolvidas por parte do Concello en materia de promoción da igualdade e da prevención de violencia de xénero.
Neste momento a EF Irmandiños ten equipos en prebenxamín, benxamín, alevíns A e B, infantil e cadete, coa participación de 107 nenos e nenas, ademais dun cadro técnico -adestradores, delegados e adestrador de porteiras e porteiros- formado por 10 persoas.
Os adestramentos concéntranse no campo municipal dos Currás, en San Sadurniño, mentres que os encontros ligueiros en cada categoría repártense polos catro estadios do ámbito territorial da escola.
Ademais das achegas dos catro municipios implicados -San Sadurniño, Moeche, As Somozas e Cerdido- a escola conta con varios patrocinios da comarca e tamén se sostén coas cotas das familias. As que queiran sumarse ao proxecto poden contactar coa escola no correo efirmandinos@gmail.com ou no teléfono 667 553 229.