A delegada da Xunta da Coruña e o director xeral de Emerxencias e Interior participaron no pleno deste consorcio no que se levou a cabo a actualización da súa adhesión á rede dixital de emerxencias e seguridade de Galicia
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistiron ao pleno do Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento da Deputación da Coruña.
No encontro aprobouse a actualización da adhesión á rede dixital de emerxencias e seguridade de Galicia e establecéronse as condicións de servicio determinadas na encomenda de xestión e mantemento a través de RESGAL (Rede Corporativa de Comunicacións Móbiles Dixitais de Emerxencia e Seguridade de Galicia baseada en tecnoloxía TETRA).
Belén do Campo explicou que con este acordo lévase a cabo, por parte da Xunta de Galicia, a cesión de terminais de radiocomunicación para o acceso aos servizos da RESGAL. Concretamente, a Xunta continúa coa colaboración cos servizos de emerxencia completando a dotación de medios do consorcio contraincendios con equipos de comunicación de última xeración alcanzando a cifra de 152 terminais neste consorcio, do total 20 son de nova adquisición. O custe de todas estas terminais é de case 60.000 euros.
Trátase da tecnoloxía máis punteira para este tipo de comunicacións vinculadas á seguridade pública e recomendada a nivel europeo que garante a interconexión segura, fiable e altos niveis de dispoñibilidade das comunicacións, incluso en situacións extremas ou de saturación (doutras redes)
RESGAL permite integrar nun mesmo sistema a todos os colectivos que participan na resolución da emerxencias. Unha rede única para facilitar unha intervención máis efectiva e eficaz dos efectivos implicados e simplificar as tarefas de coordinación entre eles.
As características de RESGAL fan que non exista outro operador no mercado que facilite as mesmas prestacións.