Na anterior edición deste torneo estival, foron un total de 17 parellas rexistradas.
O Concello de Carral acaba de abrir o prazo de inscrición para o VIII Torneo de Pádel de Carral que se disputará durante estes meses de verán. Na 7ª edición, celebrada nos meses de xullo e agosto do 2023, foron un total de 34 xogadores (17 parellas) os rexistrados nesta competición con formato de parellas e mixto.
O torneo dará comezo o próximo 5 de agosto e prolongarase ata o 15 de setembro. Nas primeiras semanas disputarase unha fase de liguiña por grupos, de cuxas clasificacións sairá o cadro eliminatorio. Os partidos disputaranse en horario de serán, podendo modificarse os horarios sempre co acordo entre as parellas enfrontadas.
O obxectivo desta competición é o fomento do deporte entre a poboación adulta, así como posibilitar a práctica de novas modalidades deportivas aos habitantes de carraleses. Por iso, a participación no torneo terá un carácter gratuíto.
Para todas aquelas parellas que desexen máis información ou inscribirse, poden facelo ata o 1 de agosto, no Complexo Deportivo de Carral, no 678.33.88.47 ou a través do formulario web habilitado para tal fin.