Friday 22 de November de 2024

A Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de turismo avanza na análise da ampliación de licenzas de taxi en Santiago


O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, participou esta mañá na Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo (CEVT) do Consello Galego de Transportes, reunida para avanzar na análise da ampliación de licenzas de taxi solicitada polo Concello de Santiago.

Na xuntanza, presidida pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontenla, os membros da comisión realizaron as súas achegas para elaborar o preceptivo informe, non vinculante, que lle será remitido ao Concello previsiblemente en setembro. Posteriormente, o Concello deberá complementar a solicitude e remitirlla novamente á Dirección Xeral de Mobilidade, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, encargada da súa avaliación e da emisión dun informe preceptivo e vinculante.

Poboación vinculada

O Concello de Santiago ténlle solicitado á Xunta que permita a creación de 29 novas licenzas de taxi en Santiago, a metade delas para vehículos adaptados, e que impulse a modificación da actual lexislación para que se poidan crear licenzas temporais. O informe elaborado polo Goberno local explica que, ainda que en Compostela se cumpre a ratio legal dunha licenza por cada 1.000 habitantes, “existen datos oficiais e evidencias que demostran que a oferta é insuficiente para atender a demanda real deste servizo”. O estudo baséase na poboación vinculada que ten Santiago, é dicir, o conxunto de persoas que teñen algún tipo de relación presencial estable co municipio, por razóns de traballo, estudos ou calquera outro. Tal e como se recolle no informe, Compostela tén a maior porcentaxe de poboación vinculada das grandes cidades galegas, cun 176% fronte ao 126% de Vigo ou o 140% da Coruña”. Isto significa que por cada 100 persoas residentes no noso municipio, hai outras 77 con vínculos na cidade por estudos, traballo ou outras causas que implican durmir nela máis de 14 noites ao ano.

Desta maneira, e se se tén en conta a poboación vinculada para establecer o cupo de licenzas de taxi, Santiago precisaría de 29 licenzas máis para cumprir a ratio de unha licenza por cada 1.000 habitantes.

Ademais, tal e como explica o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, na actualidade en Santiago hai 144 taxis, tres menos que en 2013, “cando neste tempo medrou a poboación en máis de 3.000 habitantes, pasamos de 215.000 peregrinos e peregrinas en 2013 a 446.000 en 2023; e de dous millóns de viaxeiros na terminal de Lavacolla en 2013 a 3,5 millóns en 2023”. O edil tamén se refire, neste sentido, aos datos que recolle o informe sobre os servizos realizados a través de RadioTaxi, que pasaron de 212.000 no ano 2016 a máis de 360.000 en 2022.

A CEVT é un órgano especializado en transporte público en vehículos de turismo (Taxi e VTC) integrada na organización do Consello Galego de Transportes, e nela participa a Xunta a través de distintos departamentos, a Federación Galega de Municipios e Provincias, o Consello Galego de Consumidores e Usuarios, o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade, (CERMI), o Comité Galego de Transporte por Estrada e organizacións sindicais.