A súa bailarina principal, Antía Queiruga, realizou dúas actuacións no marco da capitalidade cultural europea da cidade norueguesa, a proposta da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia
A Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia participou nos “Vía Querinissima Days”, unhas xornadas dedicadas á figura de Pietro Querini celebradas esta fin de semana na localidade de Bodø, na rexión de Nordland (Noruega). Un encontro que constituíu o primeiro evento de Bodø como Capital Europea da Cultura 2024 e no que a Escola de Danza Oitos de Noia colleitou un gran éxito.
Segundo a presidenta da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia, Teresa Villaverde, foi “un espectáculo marabilloso que cumpriu sobradamente a misión que lles encomendaramos: exercer de embaixadores da nosa Ría da Estrela e do noso Camiño. A receptividade do público e das autoridades foi moi elevada debido tamén ao altísimo nivel da proposta artística, a posta en escena e o talento de Antía Queiruga e a Escola de Danza Oitos”.
Dúas actuacións
E é que, a proposta da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia, Antía Queiruga, bailarina principal da Escola de Danza Oitos, protagonizou dúas actuacións. A primeira tivo lugar no Teatro Benddigen de Bodø diante dun grupo de autoridades encabezadas polo presidente da rexión de Nordland (Noruega), Svein Øien Eggesvik, e o presidente do Consiglio Regionale del Veneto (Italia), Roberto Ciambetti. A segunda das actuacións tivo lugar no marco do festival costeiro de Bodø, nun escenario ao aire libre emprazado no peirao da vila. Antía Queiruga estivo acompañada pola directora artística e coreógrafa da escola de danza noiesa, Verónica Martínez, así como polo director Suso Xogaina.
O espectáculo presentado en Noruega é unha breve mostra da produción financiada dende o Xeodestino Ría de Muros Noia, con fondos do GALP Costa Sostible, que está previsto estrear nun auditorio de Santiago a determinar ben neste próximo outono ben a principios de 2025. Trátase dunha obra inspirada na viaxe de Pietro Querini, navegante veneciano que a mediados do século XV deixou documentada unha peregrinación a Compostela que coincide ao 100% co traxecto actual do Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia.. A súa posta en escena promete ser espectacular: con 21 bailarinas sobre o escenario e ata dez cambios de vestiario.
Via Querinissima Days
Paralelamente a esta programación cultural, os “Via Querinissima Days” serviron para que os representantes da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia puideran manter encontros multilaterais con representantes dos países polos que discorre este itinerario histórico como Italia, Grecia, España, Portugal, Noruega, Suecia e Suíza.
Así mesmo, a asociación presentou aos demais socios do proxecto o estado de evolución dos traballos de restauración de tramos históricos do Camiño da Ría de Muros Noia, cuxo primeiro tramo finalizado foi presentado oficialmente a pasada semana. Unha actuación que terá continuidade, pois en breve rematarase a restauración doutros 35 quilómetros nos cinco municipios que compoñen a Ría da Estrela e que tamén inclúen a sinalización definitiva do Camiño.
Todos os presentes neste encontro internacional coincidiron na necesidade de seguir desenvolvendo proxectos nos distintos estados membros para así reforzar a cadidatura da Vía Querinissima a “itinerario cultural do Consello de Europa”.
Via Querinissima Days
Os “Via Querinissima Days” foron organizados polo condado de Nordland, a Asociación Vía Queriníssima e o municipio noruegués de Bodø, no que foi o seu primeiro evento como Capital Europea da Cultura 2024. Tres días de reunións e eventos na honra ao navegante veneciano no medio da espectacular contorna do ártico e da sorprendente natureza de Nordland, co seu famoso Sol de medianoite.
A Asociación Internacional Vía Querinissima é unha entidade cultural sen fins de lucro constituída tras dez anos de duro traballo: primeiro cun acordo de amizade entre os municipios de Rost (Noruega) e Sandrigo (Italia) e despois un acordo de cooperación cultural e económica entre as rexións de Nordland e Véneto. O seu itinerario, denominado Vía Querinissima, inclúe dúas rutas: por mar (a primeira parte da viaxe de Pietro Querini que acabou en naufraxio e que pasou por Muros) e por terra (cando retornou a Venecia co seu cargamento de bacallau). En ambos os dous casos, a asociación promove un turismo cultural e enogastronómico pausado e sostible que une cidades e rexións de trece países distintos.