Friday 22 de November de 2024

O Concello porá en marcha un programa de residencias artísticas e técnicas de creación a través do IMCE


Levaranse a cabo durante o ano 2025 en espazos dos recintos xestionados polo Instituto Muncipal: Centro Sociocultural Ágora, Fórum Metropolitano, Teatro Rosalía e Sala O Túnel

Están dirixidas a artistas, colectivos, investigadores ou compañías profesionais vinculadas coas artes escénicas, con prioridade para aquelas con sede na Coruña e a súa área

O Concello da Coruña porá en marcha a primeira edición do programa de residencias artísticas da Coruña co obxectivo de dotar de espazos e apoio loxístico ao tecido cultural. Trátase dun programa pioneiro na cidade para a posta en valor da creación cultural, sumándose a outras iniciativas do Goberno de Inés Rey para a dinamización do sector, como as bolsas de creación artística ou o bono cultura.
Están dirixidas a creadores, colectivos e investigadores así como compañías profesionais vinculados ás artes escénicas, tanto de ámbito local como autonómico, nacional ou de fóra de España. Con todo, terán prioridade aqueles creadores ou compañías con sede na Coruña e a súa área meteopolitana co obxectivo de potenciar o tecido cultural coruñés.
As residencias levaranse a cabo durante o ano 2025 e terán sede nos recintos xestionados polo IMCE. En concreto, poderase utilizar o Auditorio do Teatro Rosalía e o do Fórum Meteopolitano; no Coliseum a sala ‘O Túnel’ e no Centro Sociocultural Ágora as aulas 6, 7 e 8 xunto co Auditorio.
As persoas e compañías interesadas poderán presentar a solicitude vía telemática a través do correo residenciasimce@coruna.es ou de forma presencial no Rexistro do IMCE, sito na Avenida da Mariña (Casa Paredes), número 18 de luns a venres de 9.00 a 14.00 h
Tipos de residencia e duración
A convocatoria recolle diferentes modalidades: segundo procedencia e domicilio fiscal das
persoas ou compañías solicitantes (procedentes da Coruña e a súa área metropolitana, resto de 1
Nota de Prensa
Galicia ou outras Comunidades Autónomas e estranxeiro) ou por tipoloxía de residencia. Os diferentes tipos recollidos son:
Creación e investigación, co obxecto de apoiar a exploración, investigación e o desenvolvemento de proxectos en proceso de conceptualización, concepción e definición. Teñen unha duración máxima de 15 días laborables que poderán ser continuos ou alternos.
Artísticas, co obxecto de promover o desenvolvemento de proxectos xa iniciados que necesitan un espazo para o seu desenvolvemento, experimentación e proceso de creación mediante ensaios. Terán unha duración máxima de 10 días laborables que poderán ser continuos ou alternos.
Técnicas, co obxectivo de dar a posibilidade de definición de proxectos na súa etapa final na que é necesario usar recursos técnicos no espazo escénico para a definición, proba e realización de deseños técnicos tales como o espazo sonoro, iluminación ou o propio espazo escénico coa súa utillería e/ou elementos escenográficos. A duración máxima é de 5 días laborables continuados.
As residencias desenvolveranse respetando as necesidades dos ciclos habituais dos recintos. En calquera das modalidades poderán realizarse en formato de media xornada (09.00 a 15.00 horas ou de 16.00 a 20.30 horas) ou completa (09.00 a 14.00 horas – 16.00 a 20.00 horas) de luns a venres. O uso dos auditorios verase limitado a un máximo de 5 días, podendo combinar o mesmo co uso das aulas.