Friday 22 de November de 2024

O BNG de Oleiros pedirá no pleno de xullo que se solucionen as eivas existentes nos dous carrís bicis existentes en Oleiros


O Goberno local rexeitara no anterior pleno de xuño as medidas demandadas polo BNG que ademais están contempladas no PMUS

O BNG de Oleiros levou ao pleno de xuño a necesaria posta en marcha de medidas globais de fomento do transporte en bicicleta de acordo co PMUS. Dentro das medidas que propón o PMUS atópanse unhas que, ao noso entender, pagaría a pena poñer en marcha: as referidas ao transporte en bicicleta.
Queremos poñer o acento no uso da bicicleta non só como recurso de lecer ou deportivo, senón como medio de transporte habitual e cotiá par ir ao traballo, aos centros académicos, realizar xes-tións e compras, etc; tanto no interior do propio concello. O PMUS, no seu capítulo 5, establece unha delimitación de propostas e obxectivos específicos e comeza por toda unha serie de medidas de fomento e mellora dos desprazamentos en modos non motorizados.

Son 4 as referidas ao transporte en bicicleta:
Rede de aparcadoiros de bicicletas. Sistema público de alugueiro de bicicletas. Sinalización de itinerarios peonís e ciclistas. Criterios de deseño de rúas, itinerarios peonís e ciclistas.
O Goberno municipal de Oleiros porén discrepa con estas propostas do BNG de impulsar as medidas que contempla o PMUS para favorecer e fomentar o uso da bicicleta. No dito rexeitamento, o Alcalde fixo unha queixa xenérica sobre a falta do uso dos carrís bici existentes. Seguramente son moitos os motivos que explican esta falta de uso, así como outras eivas ou incumprimentos na circulación (de bicicletas, peonil, de coches…). Porén existen medidas concretas que se poderían ir facendo, entre outras, mellorar o estado dos carrís bicis existentes.

Hai dous carrís principais en Oleiros que poderían ter uso non só recreativo, senón para unha comunicación máis frecuente nos desprazamentos laborais, para o uso dos servizos…: o que vai de Santa Cruz cara Perillo, e o que vai de Santa Cruz a Mera. No primeiro caso, o estado do pavimento e da pintura requiren dun mantemento e renovación urxente. E en ambos os dous casos, hai eivas importantes no trazado e, principalmente, na sinalización; nas preferencias de paso (favorécese ao coche fronte á bicicleta); á continuidade do carril en determinados tramos; aos obstáculos que hai (postes, polas de árbores que baten contra as cabezas ou cascos…).
Solicitaremos ao Goberno local que se solucionen de xeito urxente todas estas eivas.