O Concello de Carballo tamén colabora coas comisións de festas facilitando colectores para a recollida selectiva
O Concello de Carballo puxo en marcha este San Xoán un proxecto piloto, froito da colaboración entre as concellarías de Festas, Medio Ambiente e Igualdade, para reducir o uso de plástico e fomentar o consumo responsable de alcohol, e, ao mesmo tempo, continuar coa campaña que vimos desenvolvendo desde o ano 2019 para sensibilizar á mocidade contra o acoso e as agresións sexuais.
A Lei de Residuos prohibe a utilización de vasos dun só uso. Por iso, os días 21, 22 e 23 de xuño todas as consumicións servíronse en vasos reutilizables, que, ademais, levaban rotulado o logo da campaña Carballo en festas. Agresións 0’0. No momento de pedir a consumición había que depositar unha fianza de 1 euro, recuperable coa devolución do vaso.
Desde o punto de vista medioambiental, o único cuantificable, a experiencia resultou un éxito, xa que se utilizaron un total de 5.900 vasos, que permitiron reducir un 90% os residuos habituais de plástico e vidro, segundo o balance realizado polo servizo de limpeza viaria. Isto significa que se cumpriron con creces as expectativas, polo que desde o Concello de Carballo xa estamos traballando para estender a iniciativa a outros eventos.
Contedores específicos
O Concello de Carballo colabora todos os anos coas comisións de festas en cuestións de “intendencia” como a colocación de vallas, o acondicionamento dos campos onde se celebran as verbenas ou a instalación de colectores para a recollida dos residuos. Precisamente, coa finalidade de facer as nosas festas máis sostibles, ademais da experiencia piloto que se levou a cabo este San Xoán, desde o ano 2022 ofrécese ás comisións de festas a posibilidade de incluír nas súas solicitudes de necesidades unha específica para dispoñer de colectores específicos para os distintos tipos de residuos que se xeran nas festas, sobre todo plástico e vidro.
Os colectores teñen unha identificación específica coa imaxe da campaña e o tipo de residuo que debe depositarse en cada un deles, e todo iso vai acompañado cunha lona de gran formato para darlle unha maior visibilidade á iniciativa. As comisións interesadas poden informarse no Pazo da Cultura.