A Xunta de Goberno Local de esta semana aprobará tamén a segunda fase das obras de instalación da nova climatización na Fundación Luis Seoane
A alcaldesa, Inés Rey, informou esta mañá sobre os asuntos máis destacados que se aprobarán na Xunta de Goberno Local deste mércores, na que se dará luz verde á concesión da primeira licenza urbanística no Sector 2 de Visma para a construción dun novo aparcadoiro público na parcela O-5.
“Isto suporá un paso máis no desenvolvemento das infraestruturas e dotacións de Visma. Xa a semana pasada comezaron as obras de urbanización do Sector 2, o que posibilitará a creación de case 90.000 metros cadrados de áreas verdes e de lecer nun ámbito onde se prevé a construción de case 3.600 vivendas antes do ano 2030, das que unha cuarta parte serán de protección oficial”, recalcou a rexedora.
O aparcadoiro que estará habilitado na parcela O-5 terá 290 prazas, repartidas en catro plantas, e catro accesos de entrada e saída. Sobre o aparcadoiro tamén está prevista a construción dunha superficie de 2.000 metros cadrados con espazos públicos, nos que haberá unha gran zona de xogos, con pistas multideporte e unha área infantil.
Un novo edificio de 50 vivendas públicas en Xuxán
Ademais, Inés Rey avanzou hoxe que o Concello dará licenza ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para construír un edificio residencial de 50 vivendas de promoción pública na parcela Z-38 do barrio de Xuxán. O bloque tamén contará con máis dun cento de prazas de aparcadoiro nos tres sotos, así como rochos e catro locais comerciais nos baixos do edificio. O investimento do IGVS será de 8,4 millóns. A concesión da licencia está condicionada á presentación do correspondente aval por parte do IGVS.
Neste sentido, Rey lembrou que o Concello tamén está a impulsar desenvolvementos de vivenda pública nos barrios da cidade. No caso de Xuxán, na parcela Z-37, “onde temos previsto levar a cabo un investimento de máis de 10 millóns de euros na construción doutro edificio de 50 vivendas destinadas a alugueiro social”. As obras na Z-37 xa están licitadas.
Supermercado no polígono de Agrela
Por outra banda, na Xunta de Goberno Local deste mércores se dará licenza a Mercartabria para reformar as naves situadas no nº 19 da rúa Gambrinus, no polígono de Agrela, co obxectivo de habilitar un novo supermercado que contará tamén cun aparcadoiro.
Entre os expedientes destacados na orde do día tamén están as licenzas ás que se dará luz verde para a instalación de placas solares na cuberta do edificio do Centro Comercial de Catro Camiños, así como para outras dúas intervencións en centros educativos da cidade: no IES Fernando Wirtz, para substituír as cubertas e pintar as fachadas, e no IES Ramón Menéndez Pidal, para mellorar a eficiencia enerxética do edificio.
Expropiación do soar entre Miramar Castrillón e Fariña Ferreño
Noutra orde de asuntos, na Xunta de Goberno Local desta semana tamén se acordará que o Concello destine 2,2 millóns de euros para expropiar un soar carente de uso situado no barrio do Castrillón. Concretamente, entre as rúas Fariña Ferreño e Miramar Castrillón, nun enclave que, polo paso do tempo e o desleixo, convertiuse nun foco de insalubridade na zona. Dita expropiación permitirá adoptar medidas para mellorar o estado dese solar, unha antiga desmanda veciñal.
Outras tres expropiacións na rúa San Diego
En paralelo á expropiación do soar existente entre Miramar Castrillón e Fariña Ferreño, o Concello tamén aprobará este mércores a expropiación doutras tres parcelas situadas na rúa San Diego, no percorrido entre A Gaiteira e A Cubela.
Inés Rey abundou nos detalles referentes a esta intervención: “No verán de 2021, o Concello creou un parque biosaludable na rúa San Diego. Con todo, e debido á existencia de pequenas parcelas privadas neste enclave, a ampliación do parque quedou suxeita á adquisición ou expropiación dassuperficies lindeiras de titularidade privada, algo que estamos a conseguir traballando de forma progresiva”.
Se en decembro de 2022 o Concello acometeu a expropiación dunha superficie de 175 metros cadrados situada no cruzamento entre as rúas San Diego y Petín, este mércores darase a aprobación á expropiación doutras tres pequenas parcelas situadas entre o parque biosaludable e a superficie do cruzamento entre San Diego e Petín. “Desta forma, poderemos unificar este ámbito e darlle novos usos públicos”, detallou Inés Rey.
Melloras na Fundación Luís Seoane
Ademais, na Xunta de Goberno Local do mércores aprobarase o proxecto correspondente á segunda fase de reparación e reposición do sistema de climatización da Fundación Luís Seoane. “No pasado mandato completamos a primeira fase desta intervención, co obxectivo de solucionar o problema de filtracións de auga que se estaban a producir no edificio e de mellorar a súa climatización. Agora, avanzamos cara a posta en marcha da segunda fase, na que se acometerá a substitución das unidades de tratamento de aire restantes que existen na cuberta do edificio da Fundación”, detallou a alcaldesa.
Sumando as obras da primeira e a segunda fase, o Concello levará a cabo un investimento de 1,2 millóns para completar a intervención, unha medida necesaria para salvagardar o legado e a memoria de Luis Seoane, un dos artistas galegos máis relevantes do século XX