O alcalde de Fene, Juventino Trino, e os portavoces dos grupos municipais da Corporación Municipal de Fene acompañaron esta mañá á delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, e ao director territorial de emprego, Juan José Couce, na súa visita ás instalacións do centro de formación do Concello de Fene onde se está a desenvolver o Obradoiro de Emprego de Garantía Xuvenil INICIA VII. No encontro, ao que tamén asistiron os alcaldes de Mugardos e Cabanas departiron co alumnado e co persoal directivo e de apoio do Obradoiro para coñecer as actuacións que realizan para os concellos participantes.
En Fene, as tarefas que se están a desenvolver no marco do Obradoiro INICIA VII, por un importe de 8.930€, son: sustitución e colocación de varandas nas escaleiras da prolongación da rúa Tellerías (San Valentín) e instalación de pasamáns laterais e dunha varanda central nas gradas do pavillón polideportivo de San Valentín. Tamén se están a instalar pasamáns e varandas no Concello de Ares, por un importe de 3.370€, para a separación dos banquillos e zona técnica no campo de fútbol dos Prados Vellos e para separación da beirarrúa coa rotonda de acceso ao casco urbano, no cruce da AVV de Redes e rúa Porta do Sol. Por último, en Mugardos, as actuacións previstas consisten e colocación de sistemas de protección nos colectores do lixo, por importe de 6.000€
O Obradoiro de Emprego de Garantía Xuvenil INICIA VII é un programa mixto de emprego e formación que ten como finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, procure a súa cualificación profesional e a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo. O curso comezou en outubro do 2023 e ten unha duración dun ano. Nel participan 12 alumnos traballadores e 4 alumnas traballadoras.
Programa subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dentro da iniciativa de emprego xuvenil e o Programa Operativo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) Galicia 2021-2027.