Friday 22 de November de 2024

O Goberno Central concede preto de 11.000 euros a Neda para accións de igualdade e contra a violencia de xénero


O Concello de Neda contará con case 11.000 euros para realizar accións de promoción da igualdade e de loita contra a violencia machista nos próximos doce meses. O Goberno de España vén de oficializar o reparto dos fondos para o desenvolvemento de competencias locais no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Unha distribución que prima a municipios como o nedense incorporados ao Sistema Viogén.
Dos máis de 132.000 concedidos para os municipios de Ferrolterra, Eume e Ortegal corresponderanlle a Neda un total de 10.879 euros, segundo a resolución da Secretaría de Estado de Igualdade publicaba o pasado venres o BOE. Figura por segundo ano entre as localidades da zona que máis transferencias recibe xunto a Ferrol e Narón (27.876 euros e 15.029 euros) As Pontes, Cedeira e Pontedeume.
Cómpre lembrar que cada municipio recibe unha cantidade fixa idéntica á que se unen cotas variables en función do número de habitantes, a existencia de vítimas do Servizo Telefónico de Atención e Protección, e a participación dos efectivos da Policía Local ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén).
Os fondos deberán investirse antes de xullo do 2025 e terán que destinarse a programas para a erradicación das distintas formas de violencia sobre a muller. Así, realizarse campañas de sensibilización e prevención; reforzar os servizos de atención ou realizar actuacións encamiñadas á formación especializada de profesionais do eido local en materia de igualdade entre homes e mulleres.
No caso de Neda, boa parte das accións levadas a cabo no pasado exercicio centráronse en materia de sensibilización para a xente máis nova, coa edición de publicacións e propostas como os obradoiros de micromachismos que chegaron aos tres centros educativos públicos do municipio.