• Esta noite produciuse un acto vandálico na citada instalación que se viu afectada con rotura de diferentes elementos.
• O concelleiro de Persoal, obras, servizos e praias, Eulogio Constantino Castiñeira apela a coidar do que “é de todos e cústanos a todos”
O Concello de Laxe condena os actos vandálicos acontecidos esta noite e que tiveron por escenario a Piscina Municipal de Laxe. Quen levou a cabo esta acción censurable entrou á noite ocasionando diferentes desperfectos como a rotura dunha porta e dun baño, entre doutros elementos.
Apareceu tamén un cable enchufado á corrente eléctrica e tirado á auga no vaso da piscina, co conseguinte risco eléctrico. O cable formaba parte da iluminación azul que ten o cartel ao carón do barco que dá á benvida a Laxe. O tendido eléctrico foi previamente extraído do cartel de madeira no que estaba instalado e logo levado á piscina, enchufado e tirado á auga.
“Deuse parte á Garda Civil que acudiu á Piscina Municipal e vaise proceder a tramitar a pertinente denuncia”, tal e como explica o alcalde, Francisco Charlín.
Eulogio Constantino Castiñeira, concelleiro de Persoal, obras, servizos e praias, apela á responsabilidade da veciñanza para dar con quen tivera realizado esta desfeita e para “coidar o que é de todos e cústanos cartos a todos”, apunta.