Friday 22 de November de 2024

Corme comeza a conta atrás para celebrar a VI edición da Feira Artesán Mariñeira a vindeira fin de semana


 A cita terá lugar os días na zona da Ribeira os días 2, 3 e 4 de agosto

 Está organizada pola Asociación de Veciños Eduardo Pondal, que conta coa colaboración do Concello de Ponteceso

 Música, artesanía e gastronomía serán as protagonistas do evento

Corme xa se prepara para a celebración da súa Feira Mariñeira Artesán, que terá lugar os días 2, 3 e 4 de agosto, achegando á zona da Ribeira música, artesanía e gastronomía.
Os actos darán comezo o venres, coa representación da obra de teatro Os seixos de Tella, a partir das 22:30 horas.
O sábado, as actividades inícianse ás 11 horas, coa apertura de postos, o pasarrúas do Trío de Tres e o Grupo de Gaitas O Son do Castro. A partir das 20 horas farase un percorrido polos bares con Maruxía e, por último, haberá verbena mariñeira a partir das 22:30 horas coa actuación de O Tren da Unha.
O domingo, haberá de novo pasarrúas a cargo de Maruxía e a partir das 12 horas comezan os xogos para a cativada con Fontán Multixestión. Ás 12:30 horas, as Pandereteiras do Roncudo ofrecerán unha actuación musical na Ribeira.
Dentro da programación inclúese a presentación do libro “Embarcacións de pesca de Corme (1862 – 2024)” de Ramón García Filgueira. Por último, a partir das 22:30 horas proxectarase o documental de Corme dos anos 80 de Luis Astray, na Praza do Campiño.
Ao longo dos tres días poderá degustarse polbo e churrasco na explanada da Ribeira con carpa e unha exposición de murais de Azulejo Lar nos xardíns.
Desde o Concello de Ponteceso animan a veciñanza e visitantes a achegarse ata Corme ao longo da fin de semana para gozar da tradición e a cultura do mar a través desta Feira Mariñeira Artesán.