Friday 22 de November de 2024

A Pobra saca á luz parte do seu pasado coa prospección arqueolóxica da Corte do Santo


A prospección arqueolóxica na Corte do Santo concluíu xa tras unha semana de traballo no terreo, en plena serra do Barbanza, nun meandro do río Pedras, promovida pola Concellaría do Patrimonio da Pobra do Caramiñal en coordinación coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Un equipo arqueolóxico conformado polo Laboratorio de Arqueoloxía Medieval da USC estivo facendo unha sondaxe valorativa na área mediante unha escavación. Ademais de parte dunha estrutura de grandes dimensións con muros graníticos de 90 centímetros de grosor e varios metros de longo, acháronse anacos de cerámica e lousa. Esta última chamou especialmente a atención como apuntou o investigador Mario Ramos, pois esta rocha non é propia destas latitudes. Tamén asegurou que a comunidade que habitaba esta zona marchou a conciencia, non de maneira fortuíta, debido á escaseza de vestixios materiais: “colleron todo o que tiñan e marcharon.” Así mesmo, destacou que “este sitio é máis complexo do que parece” porque a xente aí instalada tiña nocións básicas de cantería e construción e tampouco se desbota a existencia dunha pequena presa no río para a captación de auga doce ou troitas. Ramos capitaneou esta intervención que conta coa colaboración da empresa Tempos Arqueólogos e co financiamento tanto do Concello da Pobra do Caramiñal como do proxecto ECOLOC dirixido polo profesor da universidade compostelá, José Carlos Sánchez Pardo, con fondos do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

A hipótese inicial era existencia dun posible eremitorio datado de entre finais da Alta Idade Media e a Plena Idade Media, pero agora ábrense outras liñas, como algún vínculo coa gandería en tempos remotos. E tamén hai que avalia-la relación da construción coa súa paisaxe máis inmediata. Toca agardar aos resultados das probas para coñecer máis polo miúdo sobre este característico xacemento e establecelo correctamente na liña cronolóxica. E os datos revelaranse a finais do mes de setembro, nunha nova edición das xornadas de divulgación histórica e patrimonial A Pobra do Caramiñal no Tempo, se ben a xente xa tivo ocasión de coñece-las tarefas neste anaco da serra en formato de visita guiada na tarde do 18 de xullo.

Segundo avanzou o alcalde e titular da Concellaría do Patrimonio, José Carlos Vidal, non se descarta emprender unha segunda campaña arqueolóxica para sabe-los segredos que agocha este lugar, pois esta primeira fase revelou “uns resultados moi interesantes, moi ilusionantes.”

“Na Pobra do Caramiñal estamos comprometidos co coidado, investigación e divulgación do noso patrimonio material e inmaterial. Este tipo de accións contribúen a enriquece-lo coñecemento sobre o noso pasado”, remarcou. O rexedor tamén fixo fincapé en que se están dando importantes avances en materia patrimonial, promovendo por primeira vez a nivel municipal prospeccións destas características na localidade e tamén adquirindo bens. A Administración local incorporou a inicios do 2024 a Casa da Cadea ao catálogo de patrimonio público e, actualmente, atópase dando importantes avances para a adquisición da finca do Castro da Croa.