Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame celebra unha gran festa de clausura do Verán Activo 2024, no que participaron 103 nenos e nenas


O Concello de Lousame celebrou esta mañá unha gran festa de clausura do Verán Activo 2024, un programa de conciliación familiar que se desenvolveu do 8 ao 19 de xullo e no que tomaron parte un total de 103 nenos e nenas, de entre 6 e 15 anos de idade. Unha festa celebrada na piscina municipal de Lousame e na que participou a concelleira de Xuventude e Voluntariado, Silvia Agrafojo.

Durante toda a mañá, a rapazada desfrutou de actividades de auga, así como de inchables acuáticos e de terra, xogos de mesa e actividades deportivas, como o fútbol ou o voleibol. Unha xornada que culminou cunha gran festa da escuma no campo de fútbol municipal da Silva. Porén, o gran éxito da xornada estivo nos refrescantes “cócteles” que se servían á entrada da piscina, elaborados con zumes de laranxa, piña, lima, granadina… todos eles sen azucre e acompañados por xeo picado.

Silvia Agrafojo, destacou que “a rapazada pasouno moi ben nestes días” e aproveitou para “agradecer unha vez máis a colaboración do voluntariado xuvenil, sen cuxa participación sería imposible desenvolver este tipo de actividades”. Así mesmo, puxo en valor o gran número de actividades de conciliación que se levan a cabo no municipio: “hoxe mesmo estabamos tamén co Lousame Concilia e o 29 de xullo comezaremos coas Leisure activities in english, un programa que levarán a cabo as nosas voluntarias europeas Letizia Saccani e Fatma Erdemoglu e que xa ten todas as prazas cubertas”.