Friday 22 de November de 2024

O luns 22 comeza a primeira fase das obras de urbanización da avenida da Sardiñeira


Os traballos, nos primeiros 3 meses, manterán o sentido do tráfico cara a rolda de Outeiro e o acceso á avenida desde esta vía só será posible ata San Rosendo

O Concello da Coruña dará inicio este vindeiro luns, 22 de xullo, ás obras de reurbanización da avenida da Sardiñeira, que contan cun orzamento de 1,3 millóns de euros. Os traballos, financiados con fondos Next Generation, permitirán mellorar de maneira integral unha vía que será clave no desenvolvemento e nas conexións da futura estación intermodal, cuxas obras se desenvolverán de maneira paralela.
A alcaldesa, Inés Rey, informou esta semana aos veciños e veciñas das características das obras e amosou o compromiso do seu Goberno coa mellora e modernización dos diferentes barrios da cidade, creando espazos públicos de calidade para as persoas e aportando solucións aos desenvolvementos urbanos do futuro. Neste caso, a avenida da Sardiñeira quedará adaptada aos futuros accesos e conexións, tanto en vehículo como a pé, da futura estación intermodal, xa en execución.
As obras durarán un total de 14 meses e a primeira fase, que comeza este luns, suporá a intervención na beirarrúa da marxe esquerda da avenida, a que se atopa máis próxima aos edificios, a partir da rúa San Rosendo e avanzando cara ao edificio Aliko. Esta primeira intervención manterá aberto ao tráfico o desvío desde a rolda de Outeiro cara a avenida da Sardiñeira, pero só ata a rúa San Rosendo. Por outra banda, a actuación na beirarrúa podería supor a supresión dun sentido de circulación, quedando habilitado o que vai ata a rolda de Outeiro.
A reurbanización permitirá ampliar e mellorar as beirarrúas de ambas marxes e crear un novo carril bici bidireccional. A avenida pasará a ser dun único sentido cara a rolda de Outeiro desde a rúa Europa. A actuación non levará aparellados cambios no percorrido da liña 11 do transporte público, que manterá as súas paradas.

Detalles da actuación
A actuación que se levará a cabo na avenida da Sardiñeira ten en conta os futuros accesos á estación intermodal e a glorieta que conectará o futuro viario que conecte a Sardiñeira coa avenida de Arteixo. O conxunto dos traballos desenvolveranse entre a rolda de Outeiro e esa futura glorieta. Os aparcadoiros da marxe dereita, a que está máis próxima aos terreos da estación, pasarán a ser en batería, agás no último tramo, onde haberá un espazo reservado para o autobús fronte a Correos e varias prazas de aparcadoiro en liña. Tamén haberá prazas en liña fronte ao edificio Aliko.
En canto ás zonas verdes, a actuación prevé conservar e ampliar o arboredo existentes, creando novas zonas verdes na súa contorna e nos novos espazos da avenida. Tamén se instalará novo mobiliario urbano e se renovará a rede de saneamento e o sistema de iluminación do conxunto da avenida, adaptándoos á nova configuración.

Segunda fase
Na segunda fase, que comezará en tres ou catro meses, a principal novidade será que o acceso á avenida desde a rolda de Outeiro estará pechado, quedando a avenida coa súa configuración definitiva, nun único sentido entre a rúa Europa e a rolda de Outeiro. A actuación continuará no seu conxunto e os accesos aos garaxes e vados poderá facerse no sentido de circulación que permanecerá aberto. O tránsito peonil estará garantido durante todo o tempo que duren os traballos.