Friday 22 de November de 2024

O Concello declarará a emerxencia sanitaria se a recollida de lixo non se normaliza en 72 horas


Inés Rey: “É imprescindible actuar con firmeza e determinación ante o que está a ser unha chantaxe á cidade”

A alcaldesa reuniuse con representantes da veciñanza e explicoulles que, no caso de que esta fin de semana non se resolva o conflito, o luns declarará a emerxencia sanitaria

A alcaldesa, Inés Rey, reuniuse esta mañá con representantes da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña para darlles conta das medidas que o Concello tomará de maneira inmediata para poñer fin á situación actual como consecuencia da folga de recollida do lixo.

A rexedora explicoulles a folla de ruta para os próximos días. En primeiro lugar, o Goberno municipal enviou venres un requirimento á concesionaria da recollida do lixo para que, nun prazo máximo de 72 horas, tome as medidas necesarias para devolver o servizo á normalidade e garantir as condicións óptimas de salubridade na cidade. No caso de que non se cumpra este requisito, o luns 22 a alcaldesa declarará a emerxencia sanitaria co obxectivo de contratar de maneira urxente os servizos precisos para acometer os traballos de recollida de lixo de maneira excepcional. Dita declaración permitiría o propio luns iniciar os trámites de contratación e acelerar ao máximo os prazos. A contratación levarase a cabo polo trámite de urxencia, que establece un prazo mínimo de 24 horas para solicitar orzamentos ás posibles adxudicatarias.
“Tomo estas medidas neste momento por ser cando se dan as condicións sanitarias, medio ambientais e legais para poder facelo e en condicións de seguridade xurídica”, sinalou Inés Rey, que lamentou as molestias ocasionadas aos veciños e veciñas ao longo do último mes: “É imprescindible actuar con firmeza e determinación ante o que está a ser unha chantaxe á cidade”, dixo.

A rexedora explicou que desde o Concello se estivo traballando e recompilando toda a información posible durante as últimas semanas para poder tomar estas medidas excepcionais con garantías legais. “Durante estas últimas semanas reunimos todas as probas con informes policiais e medio ambientais e solicitamos informes xurídicos para garantir que o que hoxe anunciamos é o correcto e non admite discusión”, sinalou Inés Rey. A rexedora sinala que as súas accións á fronte do Goberno da Coruña neste caso buscan “evitar que nos atopemos nesta situación cada tres meses, como leva pasando os últimos 18 anos”.

A comparecencia completa da alcaldesa, Inés Rey, pode verse na seguinte ligazón: https://youtu.be/bVOUeXKhjNY