Inscríbete xa na casa do concello. Podes recoller alí mesmo a folla de inscrición ou descargala ao final desta nova
O Concello de Carballo e o Instituto Galego de Consumo e da Competencia convídante a participar no Verán de Lecer consumo, un programa no que se traballan, dun xeito lúdico, temáticas relacionadas co consumo responsable, como a publicidade, os dereitos das persoas consumidoras, a etiquetaxe ou o uso das novas tecnoloxías. As actividades son gratuítas, e baséanse na participación e na aprendizaxe colaborativa.
Cada unha das propostas irá destinada a unha franxa de idade determinada e terá unha duración de 1 hora. Bota unha ollada:
• Xogueteando: un lecer diferente (de 10.30 a 11.30 horas). Vai destinada a nenos/as de 3 a 6 anos de idade, e consistirá na narración dun conto animado para promover un consumo responsable e un lecer activo, traballando ademais os xoguetes seguros e sen riscos. Cada un dos nenos/as participantes fabricará a súa propia bolboreta, que é unha das protagonistas do conto.
• A xincana do consumo responsable (de 10.30 a 11.30 horas). Nesta actividade, dirixida a nenos/as de 7 a 12 anos, realizarase unha xincana na que os grupos terán que superar diferentes probas nas que se traballan cuestións relacionadas co consumo responsable. Finalizará co deseño e realización dun cartel sobre o consumo responsable e sostible.
• O mercadoiro (de 11.30 a 12.30 horas). Para a rapazada de 13 e 14 anos haberá outra actividade moi chula: a elaboración dun mercado con produtos de consumo cotián, cada un co seu correspondente prezo. Cada participante recibirá unha serie de moedas ficticias, que terá que intercambiar polos produtos que crea necesarios para o seu consumo nun tempo establecido. Finalmente compararase a compra que fixo cada participante, para saber a prioridade dos produtos en cada caso.
• A fábrica dos contidos (de 11.30 a 12.30 horas). Para o grupo de idade de 15 a 17 anos proponse outro xogo: en primeiro lugar dividiranse aos participante en equipos, os cales terán que deseñar un produto que lles axude na súa vida cotián ou que non exista no mercado, para posteriormente, presentalo ao resto de grupos mediante a elaboración dun pequeno anuncio. Finalmente os produtos serán poxados entre todos os grupos para saber cal sería o prezo ideal segundo a súa utilidade e calidade.
• Charla participativa Reclama-Acción (de 12.30 a 13.30 horas). Na última actividade da xornada, destinada a todas as persoas maiores de 18 anos interesadas no tema, abordaranse, dun xeito participativo, aberto e dinámico, os dereitos das persoas consumidoras e usuarias, especialmente no verán. Comezarase cunha pequena exposición sobre os nosos dereitos básicos como persoas consumidoras, para, posteriormente, poñer en practica a defensa de ditos dereitos mediante exemplos de reclamacións reais que se resolverán de maneira conxunta
Para cada unha das actividades da xornada temos 25 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. Os impresos poden recollerse no posto de Información, na planta baixa da casa do concello, ou ben descargarse ao final desta nova, e entregalos a partir de hoxe mesmo na mesma casa do concello.