Friday 22 de November de 2024

O MACCMO acolle este sábado a presentación dun libro e unha exposición de Ozores Souto


 Os actos, que comezan ás 12 horas, inclúen a presentación da edición de ‘Diálogo de un desconocido con su autorretrato’ e unha mostra inédita das súas obras creadas durante os anos 80

 Está organizado pola Fundación Torre-Pujales e está promovido polo Concello de Ponteceso

 A exposición poderá visitarse ata o 10 de agosto, de luns a venres de 08 a 14 horas

O Museo de Arte Contemporáneo Costa da Morte (MACCMO) acolle esta fin de semana a presentación do libro ‘Diálogo de un desconocido con su autorretrato’, de Ozores Souto, e unha exposición do propio artista.
A actividade está organizada pola Fundación Torre-Pujales e promovida polo Concello de Ponteceso. Os actos comezan ás 12 horas, que contarán coa presencia do autor, o cal estará presente para asinar os seus libros.
A exposición estará aberta ao público desde o 20 de xullo ata o 10 de agosto no horario do MACCMO: de luns a venres de 08 a 14 horas.
Ozores Souto é un artista coruñés polifacético, que conta cunha obra variada, na que pretende reflectir a situación socio-cultural en cada momento da súa creación.
Nesta mostra presenta unha obra elaborada nos anos 80, que nunca fora exposta ata o de agora. Vese unha clara influencia polas revistas como ‘El Vívora’, ‘Cairo’ e ‘Madriz’ , que durante a transición española e a movida madrileña saen do “underground” ao quiosco público. Unha obra con moita cor, divertida, ácida e co emprego dunhas técnicas orixinas e persoais.
Realizou as súas exposicións en Alemania, Granada, Tenerife, Vigo, Madrid, e foi cofundador da galería Ra del Rey en Madrid. No ano 2023 foi becado e nomeado Miembro de Honor polo Consorcio da Fundación Torre-Pujales en Corme.
Desde o Concello de Ponteceso animan a todos e todas, veciñanza e visitantes, a achegarse este sábado á presentación do libro e da exposición, e a visitar posteriormente a mostra durante os días que estará exposta no museo.