O orzamento alcanza os 85.000 euros e será cofinanciado por Turismo de Galicia.
O Concello vén de adxudicar a execución da segunda fase do proxecto de mellora dos elementos de protección do paseo marítimo de Caión. A obra será realizada por Codema Lomba, S.L., a mesma empresa que levara a cabo a primeira fase, de similares características a esta.
A intervención ten por dobre obxectivo embelecer e aumentar a seguridade peonil mediante a substitución dun tramo da varanda de madeira, revitalizando o paseo marítimo como destino turístico.
Na primeira fase o tramo afectado comezara xunto á Praza Eduardo Vila Fano. Agora darase continuidade a aquela actuación en dirección ao acceso principal á praia das Salseiras nunha distancia de 180 metros.
Para minimizar as molestias que as obras puidesen causar tanto a veciños como visitantes durante a temporada de verán, o Concello e a empresa adxudicataria acordaron que os traballos comezarán na segunda quincena de setembro, unha vez rematadas as Festas dos Milagres de Caión.
Cabe lembrar que a primeira intervención realizada fora posta de exemplo polo Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS Madeira) polo seu deseño integrador e o emprego da madeira de castaño como material de construción sostible e esteticamente axeitado á contorna do paseo marítimo.
O orzamento deste proxecto alcanza os 85.000 euros, contando o Concello para o seu cofinanciamento co apoio económico da axencia Turismo de Galicia no marco da liña de axudas para actuacións de embelecemento do litoral galego do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation.