Friday 22 de November de 2024

Mañá celébrase a tradicional sardiñada da praia de Mera


O bo tempo vai acompañar mañá para a celebración da tradicional sardiñada da praia de Mera, que organiza o Concello de Oleiros en colaboración coa Asociación Veciñal San Cosme de Maianca. A festa comezará a partir das 20:00 horas.

Venderanse tanto sardiñas asadas como crúas, poñendo leña gratuíta a disposición de aquelas persoas que desexen utilizar as súas propias grellas, e tamén haberá punto de venda de bebidas. A animación musical correrá a cargo da Agrupación Cultural A Marola de Mera e da charanga A Santa Compaña.

A sardiñada da praia de Mera é un evento singular e dunha grande tradición non só na localidade de Mera, senón en todo o municipio, con sona por toda a comarca da Coruña. Trátase dunha festa de grande interese cultural, social e turístico; que tradicionalmente formaba parte das Festas do Carmen de Mera, que non se celebrarán ante a inexistencia dun grupo de persoas que decidise asumir o relevo na comisión de festas.