Friday 22 de November de 2024

O Concello impulsa a loita contra as pintadas vandálicas e potenciará a arte urbana con graffitis autorizados


O novo contrato de xestión da Oficina Virtual do Graffiti inclúe un inventario de muros libres para ofrecérllelos a artistas e talleres de concienciación dirixidos a escolares

No que vai de ano os servizos municipais eliminaron máis de 5.000 pintadas

O Goberno de Inés Rey dá un paso máis na loita contra as pintadas e os graffitis non autorizados que degradan o espazo urbano coa licitación dun novo servizo integral que, como novidade, suma á limpeza dos danos e a sanción ás persoas infractoras a elaboración dun inventario de muros libres que sirvan como soporte de graffitis autorizados. Ademais, o novo contrato inclúe a posta en marcha de talleres educativos dirixidos a escolares co fin de conciencialos/as da importancia de respectar e coidar a contorna.
“A experiencia adquirida desde a creación en 2021 da Oficina Virtual do Graffiti (OVG) indícanos que a idade en que se empezan a realizar pintadas ilegais sitúase entre os 12 e os 14 anos e que as persoas que se inician nesta actividade ilegal, e en ocasións delituosa, teñen certa sensación de impunidade porque cren que non haberá castigo salvo que as pillen in fraganti”, sinalou a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira. “Por iso é importante este labor educativo, ademais de mellorar as ferramentas de identificación das persoas infractoras para poder sancionalas”.
Neste sentido, o novo contrato que xestionará a OVG seguirá recompilando toda a información relacionada co graffiti na cidade a través de distintas canles como o servizo de limpeza viaria, a policía local, a inspección municipal, o 010, a comunidade educativa e acidadanía en xeral a través do sistema de suxestións e reclamacións municipal (IRIS) e o correo electrónico.

Toda esa información servirá para elaborar unha base de datos de pintadas e graffitis non autorizados e permitirá realizar un seguimento dos novos graffitis que aparezan na cidade para analizalos con tecnoloxía SIG (sistemas de información xeográfica). Cos datos obtidos elaboraranse os informes de investigación necesarios e as probas periciais caligráficas destinadas a identificar as persoas autoras dos graffitis ilegais.
“Este traballo de investigación impulsado pola nosa alcaldesa, Inés Rey, xa se está realizando”, sinala Neira, “e é fundamental para poder montar os expedientes sancionadores e que non sexan rexeitados no xulgado por falta de probas ou lesión da presunción de non responsabilidade administrativa cando a persoa autora do graffiti non é identificada pola policía no momento”.

O novo servizo completarase co inventario de muros libres en distintos barrios da cidade que poidan ser ofrecidos aos veciños e veciñas que desexen pintalos de forma legal e autorizada. O Concello mediará tamén coas persoas propietarias de fachadas ou espazos privados que colinden coa vía pública e que se atopen degradados por graffitis non autorizados para que poidan ser recuperados e convertidos en referentes de arte urbana.

Oficina Virtual do Graffiti

Desde a posta en marcha da OVG en 2021 realizáronse un total de 8.143 actuacións de limpeza de pintadas. Cunha media de catro pintadas por actuación son un total de 32.572 pintadas eliminadas. No que vai de ano, leváronse a cabo 1.282 actuacións, cun total de 5.128 pintadas eliminadas.
A OVG traballa cunha planificación por distritos que se iniciou na zona centro e que se estendeu de forma homoxénea polos distritos 10, 9 e 8, sen prexuízo de que se acometeron limpezas noutras zonas estratéxicas (rolda de Nelle, rolda de Outeiro, Os Rosales…) e das limpezas de pintadas con mensaxes que inciten á violencia, ao odio ou aos dereitos fundamentais (igualdade, dignidade, liberdade…). Ademais, realízase un importante traballode consolidación das zonas xa limpas para evitar a nova aparición de pintadas nesas zonas. Dúas brigadas traballan de luns a domingo e coordínanse para consolidar a zona recuperada e, á vez, ir avanzando na limpeza.