O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de agosto
O Concello de Brión abre hoxe xoves o prazo de solicitude das axudas municipais de apoio á escolarización para o curso 2024-2025. Unhas axudas dirixidas á adquisición de libros de texto e material didáctico complementario do alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria.
O Concello de Brión destina 10.000 euros a estas axudas, establecendo unhas axudas de 100 euros para a compra de libros de texto ou material escolar para alumnado de Educación Primaria e ESO, así como 60 euros para material escolar para segundo ciclo de educación infantil.
Para poder acceder a estas axudas, tanto a persoa solicitante como os menores deberán estar empadroados e residindo efectivamente en Brión, ademais de que o alumnado deberá estar matriculado nun centro educativo emprazado no municipio, salvo informe previo do departamento de Servizos Sociais.
As solicitudes (cuxos impresos se poden descargar da web municipal www.concellodebrion.gal ou do BOP) tramitaranse preferentemente de forma telemática. En todo caso, o prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de agosto, ás 24:00 horas.