O BNG lamenta que o alcalde se erixa como portavoz da Xunta para falar das bondades da convocatoria de axudas á contratación de socorristas ao tempo que é incapaz de poñer o servizo en marcha.
O BNG de Cabanas denuncia a ausencia do servizo de socorrismo na Praia da Madalena, que a 18 de xullo segue sen funcionar. Unha mostra máis da incapacidade e a mala xestión que vive Cabanas desde a chegada ao goberno do PP, hai algo máis dun ano.
Malia terse autonomeado portavoz da Xunta para presumir da convocatoria que a administración autonómica pon en marcha para a contratación de socorristas -que este ano inclúe a novidade de permitir a contratación dunha empresa de servizos-, o alcalde de Cabanas foi incapaz de asegurar a presenza do servizo na nosa praia, poñendo en risco a seguridade dos milleiros de persoas que cada día de sol acoden a este areal.
O portavoz municipal do BNG en Cabanas, Iago Varela, sinalou que “é inaceptábel que a estas alturas do verán non teñamos socorristas na Praia da Madalena”, e destacou que “a falta de capacidade e iniciativa que vén caracterizando o goberno do PP adquire maior gravidade cando estamos falamos da seguridade máis básica”.
Desde o BNG lembran que “a pasividade, a falta de proxecto, de ideas e de iniciativa é a norma no goberno do PP de Cabanas”. Non só afecta á contratación do servizo de socorrismo, senón tamén ao que tardaron en contratar os auxiliares de Policía Local que reforzan o servizo no verán, ou á apertura do prazo de inscrición para participar na feira de artesanía das Festas de Santa Marta, cando falta pouco máis de 15 días para a súa celebración.
“Cada acción do PP demostra a improvisación, a falta de preparación e unha preocupante falta de planificación e compromiso coa veciñanza de Cabanas”, sinalou o BNG. A organización nacionalista esixe ao goberno do PP “que actúe de inmediato para solucionar esta situación e garanta a presenza de socorristas na Madalena”.
Obras do Paseo da Madalena
A falta de peso político do goberno municipal de Cabanas tamén se deixa ver na incapacidade para esixir á empresa adxudicataria e á Xunta de Galiza solucións á situación que está a vivir o Paseo da Madalena froito das obras que está a executar Augas de Galiza.
“Venderon que estaba todo feito asfaltando o tramo de estrada e subindo fotos ás redes sociais dunha varredora, mais a realidade é ben distinta”, denuncia o BNG. “Nin se pintou a estrada, nin se fixeron os remates, nin se arranxou a beirarrúa do paseo, nin se retiraron as montañas de area, nin tampouco os verquidos de materiais, que continúan no Piñeiral da Madalena”.
O BNG forzou a convocatoria dun pleno extraordinario, que se celebrará o 24 de xullo, para abordar este asunto.