Monday 25 de November de 2024

En marcha as obras de remodelación do patio exterior do CEIP Ramón de la Sagra, onde o Concello acometerá a renaturalización dos espazos de xogo ao aire libre


Esta intervención, á que o Concello destina 200.000 euros, foi froito dun proceso participativo que implicou a familias, veciñanza do barrio e tamén a exalumnas e exalumnos do colexio

O Concello puxo en marcha esta semana unha das súas intervencións de mellora máis ambiciosas deste mandato das que están previstas nos centros educativos da Coruña: a remodelación do patio do CEIP Ramón de la Sagra, no barrio de Elviña.

O plan de recuperación do patio partiu da colaboración establecida entre o Concello, a comunidade educativa e o arquitecto Fermín Blanco. A través deste proxecto búscase aproveitar ao máximo os espazos ao aire libre que hai no exterior do colexio, ofrecerlles máis actividades ás crianzas e naturalizar a contorna.

A recuperación do patio do CEIP Ramón de la Sagra, que se acometerá de forma conxunta entre os servizos municipais de Educación e Edificación, foi froito dun proceso participativo que implicou a familias, veciñanza do barrio e tamén a exalumnas e exalumnos do colexio, que tamén proporcionaron as súas achegas para darlle unha nova vida a este espazo.
Neste sentido, o Goberno de Inés Rey ten previsto levar a cabo un investimento de case 200.000 euros no plan de mellora do patio, que incluirá unha notable ampliación das áreas verdes existentes, recuperando así superficies infrautilizadas na actualidade.

O colexio contará cun novo peche de carácter lúdico

A remodelación do patio do CEIP Ramón de la Sagra baséase, fundamentalmente, na súa renaturalización. A ampliación das áreas verdes levará aparellado o incremento do número de exemplares de arboredo, con novos bidueiros, freixos, faias e loureiros, entre outras especies.
Por outra banda, no extremo sur do patio retirarase a soleira de formigón e crearase, posteriormente, unha nova zona verde que estará conectada coa xa existente. Unha das actuacións máisdestacadas será a consolidación dun novo souto de castiñeiros, preto do cal se habilitarán unhas cabanas de xogo.

No terraplén sueste darase forma, ademais, a un novo percorrido adaptado conectado ao xa existente e tamén ás escaleiras de acceso á rolda Camilo José Cela. A zona central do patio reservarase para a práctica deportiva, e tamén se actuará na área de xogos infantís, onde se restaurará o castelo multixogo xa existente e incorporaranse novos equipamentos.

Ademais, actuarase no peche do centro educativo no bordo paralelo ao corredor peonil, para facelo máis permeable e amable coa paisaxe urbana da contorna. Está previsto instalar un peche de táboas de madeira, que irá acompañado de elementos de xogo no sector interior para que funcione como un equipamento lúdico máis do patio.

Cómpre lembrar que, pola envergadura dos traballos previstos, que continuarán durante o vindeiro curso lectivo, o Concello ten establecida unha folla de ruta que lles permitirá ás crianzas dispor de espazos seguros de xogo no CEIP nos vindeiros meses, en paralelo ao avance das obras nos exteriores do centro educativo.