O Concello de San Sadurniño celebrará pleno extraordinario no serán deste xoves con dous únicos puntos principais. O primeiro será a ratificación formal do novo nome da Praza Ramón Díaz Raña, tras expresaren o seu acordo unánime as portavocías dos tres grupos municipais. O outro grande asunto é o debate e votación da proposta de orzamento municipal de 2024, que supera os 3,7 millóns de euros, movéndose no sumatorio total de ingresos e gastos nuns números similares aos previstos para o ano pasado. A sesión está fixada en primeira convocatoria para as 19:30h e poderá seguirse ao vivo a través de Youtube.
Malia que as cifras globais son parellas, a realidade é que o orzamento sobe un 1,33% con respecto ao aprobado en 2023, prorrogado na actualidade. A proposta ascende a 3.731.339,23€, que son case 49.000 euros máis que o ano pasado.
Neste sentido, o Executivo local destaca a importancia do Capítulo II -dotado con 1.486.205,70€- onde se inclúe o investimento en gasto social e onde ten un grande peso o sostemento dun Servizo de Axuda no Fogar de titularidade pública e xestión directa.
O Goberno municipal tamén apunta a relevancia do Capítulo IV das transferencias correntes, coa finalidade de colaborar co tecido sociocultural e deportivo, así como no mantemento de bolsas de estudo, da asistencia social de emerxencia ou das convocatorias de subvencións. Neste exercicio está prevista unha reserva superior aos 183.000 euros.
Por outra banda, o orzamento que se someterá a votación consignará algo máis de 636.000 euros para investimentos reais. A maior parte dos proxectos previstos financiaranse con subvencións ou transferencias de capital doutras administracións -o cadro orzamentario recolle 446.624,22 euros-, aínda que o consistorio tamén achegará preto de 190.000 euros de recursos propios.
Na explicación do cadro orzamentario apúntase que o gasto de persoal -1.397.321,01€- está adaptado á Relación de Postos de Traballo en vigor e ás subas previstas polo Real Decreto Lei 4/2024 e pola Lei de Orzamentos Xerais do Estado.
En canto aos ingresos, a proposta de orzamento para 2024 explica que a recadación de impostos directos -IAE, IVTM, Plusvalía- seguirán cos tipos de gravame regulados nas respectivas ordenanzas, que non se modifican. Tampouco se modifican as ordenanzas dos impostos indirectos -licenzas de obras- nin as das taxas, prezos públicos e outros ingresos. Iso si, o montante total destes capítulos medrará un chisco como reflexo dunha maior precisión no cálculo das previsións de ingresos.
A maior cantidade que conta percibir o consistorio é a do Capítulo IV das transferencias correntes. A cifra que se manexa é de 1.962.044,57 euros -un 2,88% inferior ao exercicio 2023- que entrarán nas arcas municipais en forma de subvencións -Deputación, Xunta, etc.-, pola participación municipal nos Tributos do Estado e polas achegas do Fondo de Cooperación local, entre outros. Segundo o Goberno local foi precisamente a tardanza na confirmación destes programas económicos externos o que provocou á súa vez o retraso na presentación ao pleno da proposta de orzamentos.
Nos ingresos municipais previstos tamén se deben contar 446.624,22€ de transferencias de capital da Deputación da Coruña -POS+- e da Xunta.