No encontro a delegada informoulle da orde de 2,4 M€ de axudas aos concellos de menos de 50.000 habitantes para financiar a rehabilitación e rexeneración urbanas o que lle permitirá seguir avanzando na rehabilitación do Pazo de Goiáns
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo, esta mañá, un encontro co alcalde de Boiro, José Ramón Romero. Na reunión repasaron os proxectos e axudas da Xunta neste municipio e abordaron temas relacionados coas infraestruturas, sanidade, saneamento, educación e cultura.
Os dous representantes públicos coincidiron na necesidade de seguir reforzando os vínculos locais para contribuír ao desenvolvemento sustentable dos municipios galegos. Do mesmo xeito, Belén do Campo e José Ramón Romero analizaron as necesidades do concello.
Na reunión a delegada informoulle da orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de 2,4 M€ para axudas aos concellos de menos de 50.000 habitantes para financiar, a través de préstamos sen xuros, actuacións de rehabilitación e rexeneración urbanas, así como a adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.
Concretamente, trátase da convocatoria para este ano 2024 dunha nova orde de axudas do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído destes municipios.
O obxectivo deste Fondo de cooperación é facilitar que os concellos acometan actuacións de recuperación e posta en valor do patrimonio construído, co obxecto de recuperar ámbitos en estado deficiente de conservación, como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio en aras de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, facilitando que podan dispoñer dunha vivenda digna e axeitada.
Neste senso, coincidiron na proposta de que o Concello de Boiro se presente a esta convocatoria, que ten o prazo aberto ata o 31 de outubro, para continuar coas obras de rehabilitación do Pazo de Goiáns.
Transporte
No encontro a delegada explicoulle ao alcalde os pasos previstos para a nova licitación para o transporte público na comarca do Barbanza, que require da resolución previa do contrato coa concesionaria. A previsión é que se faga de mutuo acordo e prevendo a continuidade da actual empresa na explotación ata a implantación do novo contrato. Deberá tamén elaborarse un novo anteproxecto de explotación, que será sometido a información pública e audiencia aos concellos para ser logo autorizado polo Consello da Xunta. O alcalde trasladoulle a súa satisfacción por esta medida, da que tivo coñecemento nun encontro o pasado 4 de xullo co Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o pasado 4 de xullo.
A actuación busca garantir a prestación do servizo segundo as demandas e necesidades das persoas usuarias, detectadas a través do labor de seguimento que está a realizar a Xunta. Con ela dáselle ademais cumprimento ao acordo parlamentario adoptado por unanimidade na Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos o pasado novembro, no que se instaba ao Goberno galego a utilizar todas as ferramentas incluídas no prego de cláusulas administrativas para a mellora na prestación do seu servizo público na comarca do Barbanza.