Saturday 23 de November de 2024

A Xunta Local de Seguridade aborda os dispositivos especiais para as Festas do Apóstolo


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a subdelegada do Gobierno na Coruña, María Rivas, presidiron hoxe a reunión da Xunta Local de Seguridade convocada para coordinar as medidas de prevención e seguridade durante as Festas do Apóstolo. Na xuntanza tamén participou o concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, así como os representantes dos diferentes Corpos e Forzas de Seguridade.

A alcaldesa explicou que a xuntanza de hoxe “serviu para repasar todos os detalles do operativo no que xa se leva semanas traballando con total coordinación, atendendo especialmente aos actos con maior concentración de persoas das festas, fundamentalmente os días 24 e 25 de xullo, e aos lanzamentos dos Fogos do Apóstolo, nas noites do 24 e do 31”. Goretti Sanmartín lembrou que estes dispositivos “son xa habituais, levamos anos de colaboración excepcional entre todos os Corpos e Forzas de Seguridade e entre administracións, e polo tanto todo está listo para que as celebracións se desenvolvan en condicións de seguridade”. A rexedora fixo tamén un chamamento á cidadanía “a termos unhas festas disfrutadas e seguras”, e incidiu especialmente na tolerancia cero cos comportamentos machistas, lembrando que o Concello volverá instalar este ano os chamados “puntos lilas” de información e prevención, na Alameda e na Praza Roxa.

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno manifestou “o total compromiso, colaboración e coordinación das Forzas e Corpos de Seguridade no reforzo do operativo para estas festas tan importantes para a capital e para o conxunto de Galicia”. María Rivas explicou que se vai reforzar o dispositivo de seguridade, “coa presenza da Unidade de Intervención Policial, Unidade de Prevención e Reacción, a unidade canina e expertos en desactivación de explosivos”. Ademais, no operativo participarán o helicóptero da CNP, os sistemas de drons e antidróns da Policía Nacional, e a Brigada de Cabaleiría “que este ano vai ter maior presenza que en ocasións anteriores, e que xa está despregada para relizar labores de vixilancia”. Tamén están xa en Galicia, tal e como explicou a subdelegada do Goberno, “axentes das forzas de seguridade doutros países, como Brasil, Francia ou Portugal, que están despregados polos Camiños de Santiago, e chegarán a Compostela nos vindeiros días”.

O operativo de seguridade especial por mor do Apóstolo desenvólvese en coordinación coa Policía Local e co resto dos servizos de emerxencia mobilizados para estas datas.