O Concello de Neda vén de aprobar a convocatoria e bases reguladoras do proceso selectivo para cubrir dúas prazas de administrativo, que figuran vacantes no cadro de persoal municipal e foron incluídas nas ofertas públicas de emprego dos anos 2021 e 2022. Trátase de prazas de funcionario ás que, segundo apuntaba o BOP da Coruña deste luns, accederase mediante concurso oposición en quenda libre.
A Xunta de Goberno local aprobou a semana pasada as bases para a provisión destas prazas do grupo C1, con funcións de rexistro, atención ao público, cultura, deportes e contratación nun dos casos; e de tarefas vencelladas aos servizos económicos no outro.
Segundo figura nas bases que rexerán a convocatoria, poderán presentarse persoas cun mínimo de 16 anos e que non superen a idade de xubilación, con nacionalidade española ou doutros estados da UE, e coas capacidades e aptitudes necesarias para o desempeño das tarefas. Deberán dispor do “título de bacharelato, técnico ou equivalentes” e o CELGA 4 ou estean en condicións de obtelos antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
A fase de concurso aportará un máximo de 40 puntos (experiencia previa + formación específica) e os outros 60 obteranse na fase de oposición (suposto maioritariamente práctico). Haberá unha segunda proba de idioma destinada exclusivamente a quen non poida acreditar doutro xeito o coñecemento da lingua galega.
O anuncio da convocatoria terá que publicarse agora no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado, o que marcará o inicio do prazo de presentación de instancias de participación no proceso selectivo.