Friday 22 de November de 2024

A Xunta pon en valor a aportación de empresas Altia para que Galicia aumente a súa resiliencia e siga a liderar a acción contra o cambio cimático


— A galega é a comunidade española con maior redución das emisións desde 1990 e a que ten maior capacidade de absorción de dióxido de carbono, cuestións nas que afondará o Plan rexional de clima e enerxía 2024-2030 que está en elaboración

— Ángeles Vázquez salienta que Altia foi a primeira gran compañía tecnolóxica galega en adherirse á Alianza Galega polo Clima e que aposta pola colaboración entre sectores para afrontar os problemas medioambientais de maneira efectiva

— A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático aposta por intensificar a cooperación público-privada neste eido e lembra que tanto o tecido produtivo como as entidades locais teñen á súa disposición o servizo de apoio Galicia resiliente

— O Executivo autonómico defende a necesidade de avanzar na liña de traballo actual cos socios da alianza polo clima, que conta con preto de 150 empresas e outras organizacións adheridas

A Xunta pon en valor o intenso labor que realizan empresas como a tecnolóxica galega Altia a prol da neutralidade climática e a aportación para que Galicia aumente a súa resiliencia e siga a liderar a acción contra o quecemento global.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe as instalacións que a firma ten en Vigo, onde puido comprobar o seu bo facer na avaliación dos aspectos ambientais en todos os seus centros de traballo. De feito, trátase da primeira gran compañía tecnolóxica galega que se adheriu á Alianza Galega polo Clima, en outubro do ano pasado.
A responsable autonómica, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, explicou que esta visita se enmarca no programa de encontros iniciado polo Executivo galego para coñecer os avances realizados polas entidades que se sumaron á alianza no seu propósito de preservar o medio ambiente e de acadar a neutralidade climática. Neste sentido, incidiu na importancia de intensificar a colaboración público-privada e comprometeu o apoio da Xunta de Galicia ao tecido empresarial e social coa finalidade de exercer un efecto tractor na gobernanza climática.
Nesta liña, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático lembrou que o Executivo autonómico aprobou en 2019 a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 e iniciou o seu desenvolvemento a través dun Plan rexional integrado de enerxía e clima para o período 2019-2023. Froito desta estratexia, a comunidade avanzou de forma notable na loita contra o quecemento global, con 139 medidas desenvolvidas e un investimento executado de 1.140 millóns de euros.
Deste xeito máis do 90% da planificación e dos investimentos previstos xa están realizados polo que xa se está a elaborar unha nova planificación para actualizar as liñas e medidas da estratexia galega fronte ao cambio climático. De feito, o Plan rexional integrado de clima e enerxía 2024-2030 buscará consolidar a posición de Galicia como a rexión que máis dióxido de carbono absorbe de todo o país.
Ángeles Vázquez lembrou que a galega é a comunidade española con maior redución das emisións contaminantes (-60%) respecto a 1990, ano que se toma como referencia a nivel mundial para as políticas climáticas. Ademais é a rexión con maior capacidade de absorción de dióxido de carbono do país, unha de cada cinco toneladas capturadas en España. A maiores, as emisións netas de gases de efecto invernadoiro baixaron en Galicia un 19,5% nos últimos catro anos, o triplo que a media española e que a europea.
A responsable autonómica tamén puxo en valor o servizo Galicia resiliente, unha oficina técnica pioneira de impulso de iniciativas de adaptación ao cambio climático que xa está operativa para prestar asesoramento especializado ás entidades integradas na Alianza Galega polo Clima e do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía que o precisen. De feito, está a traballar tanto apoiando ao tecido produtivo como ás entidades locais.
A empresa tecnolóxica
No caso de Altia, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático destacou que se trata dunha compañía que aposta polas alianzas intersectoriais para afrontar os problemas medioambientais de maneira efectiva e que é exemplo de boas prácticas en diferentes eidos. Entre eles, salientou que promove activamente a reciclaxe e a reutilización de materiais -promovendo a conservación dos recursos e a redución de residuos- doando equipamentos reacondicionados, o que contribúe a minimizar o seu impacto ambiental.
Nesta liña, Ángeles Vázquez incidiu en que a tecnolóxica galega apostou sempre por medrar de maneira sostible e segura e que está comprometida coa Axenda 2030 e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Ese esforzo de Altia a prol da sostibilidade traduciuse o ano pasado nunha baixada do consumo de luz do 70%, nunha redución das emisións de gases de efecto invernadoiro do 30% e na entrega de máis de 750 quilos de residuos para a súa reutilización ou valorización.
A alianza
Por iso, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático apostou por seguir avanzando na liña de traballo actual cos socios da Alianza Galega polo Clima. Nestes momentos conta xa con preto de 150 socios, entre os que se atopan arredor dun cento de empresas, as tres universidades galegas, as cinco autoridades portuarias da comunidade, distintos clústeres, fundacións, entidades benéficas, clubes deportivos e colexios profesionais, entre outros.
Precisamente, a alianza busca impulsar a colaboración público-privada de forma transversal, conxunta e coordinada co obxectivo de tecer estratexias e acelerar a adopción de prácticas de sostibilidade ambiental que contribúan a loitar contra o cambio climático e a que Galicia acade a neutralidade climática no menor tempo posible. A ela engádense ademais o Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía así como a Rede Local polo Clima.