Esta actuación, entre Pontenafonso e Orro, é a primeira dunha serie de obras de posta en valor desta ruta xacobea de cara ao Ano Santo de 2027
O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, presidiu esta mañá a inauguración das obras de restauración ambiental e paisaxística dun tramo restaurado do Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia, entre Pontenafonso e a glorieta de Orro. Unhas obras presupostadas en 90.000 euros e que foron financiadas pola Axencia de Turismo de Galicia a través das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU.
O tramo inaugurado hoxe é o primeiro dunha serie de actuacións de mellora e posta en valor do Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia de cara ao Ano Santo de 2027. A súa escolla como primeira actuación xustifícase na necesidade de recuperar, tanto para peregrinos como para a veciñanza, un tramo que levaba moitos anos en desuso e que en certas épocas do ano mesmo non era transitable debido ás augas e ao exceso de vexetación.
O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, explica: “trátase dunha actuación na que se reforzou o firme e se ampliou a zona de tránsito para que tivera un ancho mínimo de 2,5 metros na totalidade do seu percorrido, que conecta este núcleo de Pontenafonso coa glorieta de Orro”. Así mesmo, destaca que “o que se busca é que as persoas que percorran este traxecto, que abarca o primeiro tramo do Camiño dentro do concello de Noia, dispoñan dunha superficie delimitada por unhas travesas e coa sinalización correspondente, ademais de que nos permitirá tamén diminuír o custe de actuacións de mantemento futuras”.
Neste sentido, Freire Abeijón fixo fincapé na necesidade de que o Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia conte cunha uniformidade e unha continuidade nos nove municipios polos que discorre. Así, lembrou que “dende a ARD Ría de Muros Noia, e a través do Plan de Sostenibilidade Turística, se van levar actuacións que supoñen un investimento de 2 millóns de euros nos cinco concellos que conforman a Ría de Muros Noia”. Ademais da sinalización coa típica frecha xacobea e os postes de madeira, ao longo do percorrido incluíronse paneis informativos de diverso contido, ben con referencias etnográfica da zona, como os muíños, ben a outros elementos da orografría, da paisaxe ou da biodiversidade da Ría da Estrela.
Itinerario de Pietro Querini
Este tramo recuperado foi identificado como pertencente ao Camiño de Santiago da Ría Muros Noia, itinerario de Pietro Querini de Muros a Santiago, no marco do estudo de delimitación asinado polo arquitecto Marcial Rodríguez e os arqueólogos Mario César Vila e Sofía Vaquero en 2020. Un traballo que serviu de base á solicitude de declaración oficial de Camiño de Santiago presentada diante da Xunta de Galicia.
De feito, a Pontenafonso é un dos puntos máis atractivos do Camiño. De orixe medieval, esta ponte domina un fermoso paisaxe agreste na desembocadura do Tambre. Sostido sobre 20 arcos de perfil ojival, e outros dous tapados por recheos de terra, os seus case 270 metros de longo o converten nunha das pontes medievais máis longas e mellor conservadas en toda Galicia. Por iso, a intervención levada a cabo fíxose baixo os máis estritos criterios de sostibilidade ambiental e paisaxística.
A actuación inaugurada hoxe non só supón a recuperación dun tramo do Camiño de Santiago senón que, polo seu emprazamento, inclúese tamén dentro da Senda Litoral de Galicia que a Administración galega está a definir para toda a costa galega. Por iso, o financiamento das obras foron achegadas integramente pola Xunta de Galicia dentro das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU.
A apertura oficial deste tramo tivo lugar despois da asemblea xeral da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, que tivo lugar na casa consistorial noiesa. Entre os alcaldes presentes estaban: Pablo Lago (Brión), Teresa Villaverde (Lousame), María Lago (Muros), Santiago Freire (Noia), Manuel González (Outes), Ramón Tojo (Rois) e Luís Oujo (Porto do Son), así como representantes dos municipios de Ames e Santiago.