Deporte e solidariedade únense na Pobra do Caramiñal un ano máis a favor da Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes (Anedia) coa III Carreira Solidaria Móvete pola Diabetes, da cal tamén forman parte activa a Concellaría dos Deportes, a Asociación de Atletismo e Deportes no Barbanza e a Federación Galega de Atletismo. Esta cita deportiva disputarase no 27 de xullo, a partir das 20.30 horas, no tramo de fachada marítima comprendida entre a praza Alcalde Segundo Durán e o peirao comercial. En consecuencia, as saídas efectuaranse dende a rúa Fernández Albor e a meta estará situada no interior da dita praza.
As categorías de competición van da sub-6 ata a máster, tanto masculina coma feminina, ademais da Zapatilla Inclusiva. Deberase completa-la distancia correspondente a cada unha para, logo de estar rematada a proba, proceder á entrega das distincións e agasallos: trofeo ao primeiro posto do podio e medallas para o segundo e terceiro; medallas en tódalas categorías; e camiseta técnica para as 300 primeiras persoas participantes.
Como novidade, incorpórase o factor da sostibilidade: con Netcycle, dentro do proxecto Beta, reutilizaranse os residuos xerados e Viaqua cederá unha fonte de auga para evita-lo uso de envases de plástico. Ademais, no que respecta á compoñente sanitaria, contarase cun posto de enfermaría para facer medicións de glicosa e o Colexio Oficial de Podólogos de Galicia asumirá un rol informativo.
“O Concello da Pobra do Caramiñal ten un forte compromiso co deporte. Nalgúns dos eventos que organizamos ou cos cales colaboramos buscamos tamén a compoñente solidaria. Por exemplo, no domingo tivémo-la Festa da Bici e en vindeiras datas será o momento da III Carreira Solidaria Móvete pola Diabetes. Apoiamos esta proba dende o momento en que se concibiu e ratificámo-lo noso apoio nesta terceira convocatoria. Existe un vínculo entre deporte e saúde, polo cal é importante concienciar sobre unha doenza que afecta unha significativa porcentaxe da poboación española”, declarou o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido.
Tamén nesta liña se pronunciou a presidenta de Anedia, María José Rego, acompañada de Samuel Gómez, integrante da asociación: “A diabetes segue sendo unha das enfermidades que máis prevalecen en Galicia, pero tamén é unha gran descoñecida. Falta moito por traballar para darlle visibilidade.” Agradeceu, así mesmo, a colaboración de diferentes entes e empresas.
Pola súa parte, a técnica municipal dos Deportes, Ana Romero, explicou que o prazo para se anotar permanecerá aberto ata as 14.00 horas do día 24 de xullo a través da páxina web www.carreirasgalegas.com. A cota de inscrición é de balde nas categorías menores e na Zapatilla Inclusiva, e establécese nos 6 euros nas absolutas. O recadado irá en favor de Anedia.