Friday 22 de November de 2024

O Concello consegue unha subvención de máis de 14.000 euros para financiar unha auditoría da rede de saneamento municipal


 O equipo de goberno acadou a achega por parte de Augas de Galicia, polo que poderá estudar en profundidade o estado do circuíto sen necesidade de acudir a partidas propias

 A depuradora en Porto é a grande ambición do executivo local, que segue xestionando cos organismos competentes a posibilidade de contar coa instalación

O Concello de Paderne executará unha auditoría da rede de saneamento municipal sen custo algún para a súa veciñanza. O equipo de goberno local puxo en marcha hai semanas os trámites burocráticos para lograr unha achega para financiar este estudo e, finalmente, Augas de Galicia aprobou a súa solicitude. Así, nos últimos días, o Consistorio padernés vén de recibir a confirmación da concesión dunha subvención de 14.265,39 euros destinados a analizar o estado da infraestrutura que transporta augas residuais no municipio.

Deste xeito, o executivo municipal non terá que destinar a partida de 15.000 euros prevista no orzamento a este estudo, pero contará nos vindeiros meses cunha radiografía do circuíto que lle permitirá seguir acometendo actuacións. Neste sentido, cómpre lembrar que a principios deste ano, o Concello pechou a reforma integral de tres decantadoras cun investimento de máis de 47.000 euros. Unha delas está situada en San Pantaleón e as outras dúas, en Souto.

Así, a intención do equipo liderado polo alcalde, Sergio Platas, é seguir aumentando as actuacións na xestión das augas á agarda de evolucións positivas con respecto á grande ambición: a construción da Estación de Augas Residuais (EDAR) en Porto.

Neste sentido, o actual equipo de goberno xa iniciou as conversas tanto coa Delegación do Goberno como con Augas de Galicia para pechar un compromiso de actuación que, polo momento, aínda segue no aire.
“A xestión das augas é unha das grandes prioridades do noso plan de goberno. E neste sentido, a depuradora é a nosa grande ambición. Entendemos que é unha infraestrutura totalmente necesaria para Paderne. Pero non depende de nós e é unha actuación que apunta ao longo prazo. Non podemos resignarnos e quedar parados, polo que este estudo que contrataremos permitirá facer unha composición exacta da situación e cales son as necesidades máis urxentes”, apunta o rexedor.