O Verán Cultural trae nesta semana tres actividades para o desfrute da veciñanza e visitantes na Pobra do Caramiñal da man da Concellaría da Cultura. A edil Patricia Lojo destaca que “estes meses de verán vivirase unha intensa actividade nas rúas. Temos música, espectáculos, animación de rúa, teatro e baile: propostas de balde para gozar da cultura ao aire libre durante xullo e agosto.”
A maxia correrá a cargo de Expresión Produccións coa función Anímate. Números sorprendentes cheos de humor e participativos, para o desfrute de pequenos/as e maiores. Desenvolverase no martes 16, ás 20.30 horas, no Cantón da Leña.
E Paco Nogueiras animará co espectáculo Son Animal protagonizado por animais e os seus sons convertidos en divertidas cancións: o bruar dunha vaca, o miañar dun gato ou o ladrar dun can. Todos eles tomarán forma de melodías que levarán as crianzas polo mundo a través de diferentes estilos musicais. Terá lugar no xoves 18, ás 20.30 horas, no Cantón da Leña.
Ámbalas dúas sesións para público infantil chegan en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña. En caso de chuvia, serán no teatro cine Elma.
Tamén actuará Barahúnda no venres 19, dentro da programación do Carme do Castelo que se vivirá nesta fin de semana. O concerto ofrecerase no adro do Castelo, ás 22.30 horas.