Scarecrow, Lenincat, TPM, Labirinto, Black Desire, Materia Muerta HC, Gallego Común e Declinare son as formacións que actuarán na sala O Túnel do Coliseum
O Concello da Coruña e o Flores Rock dan a coñecer este sábado ás oito bandas que participarán o vindeiro sábado 20 de xullo na segunda edición da súa batalla de bandas, da que sairán dúas formacións que actuarán os días 30 e 31 de agosto no Flores Rock 2024, para o que xa están confirmados artistas como Banda Bassotti, Sínkope ou Perpetual.
Scarecrow, Lenincat, TPM, Labirinto, Black Desire, Materia Muerta HC, Gallego Común e Declinare son as formacións escollidas pola organización entre un total de 25 bandas que presentaron a súa candidatura. Dúas delas tomarán o relevo de Demenzia Sozial e Crowded, que puideron participar na edición do 2023 do festival do Barrio das Flores.
O Goberno de Inés Rey promove este evento co obxectivo de dar a oportunidade a bandas locais de poder actuar como convidadas no festival e de fomentar a cultura local. O concurso terá lugar o 20 de xullo (19.30 horas) na Sala O Túnel e contará con dous premios, un para a banda gañadora e outro para a finalista. O segundo premio consta da gravación dun videoclip dunha canción orixinal da banda, e o primeiro premio consiste na gravación dun EP, co que a banda gañadora poderá sacar ao mercado a súa música. Ambas bandas actuarán no festival celebrado no Barrio das Flores.
A entrada para a batalla de bandas custa 8,5 euros de maneira anticipada e 10 euros na billeteira. Pódese adquirir en Katatoomba e no café-bar Invernadero, no barrio de Elviña. As bandas seleccionadas actuarán en directo, cunha presentación de 25 minutos onde se admitirá un máximo de dúas versións de temas non orixinais.
O xurado estará composto por cinco membros que contarán cun representante do IMCE, un/ha promotor/a musical dunha sala de concertos da cidade, un representante dun estudo de gravación da cidade, un representante dunha empresa de gravación de vídeo da cidade e un representante experto designado pola organización.