Friday 22 de November de 2024

ViveBergondo, unha web que recolle os principais recursos turísticos e servizos que se ofrecen en Bergondo


· Este portal recompila a información máis relevante non só para as persoas que elixan visitar Bergondo, senón tamén para os e as residentes no municipio.

O Concello de Bergondo puxo en marcha a páxina web, ViveBergondo, na que promocionar tanto os recursos turísticos e patrimoniais do municipio como os principais servizos para veciños e veciñas.

Na portada da web, moi intuitiva, visual e sinxela de manexar, pódese atopar recursos básicos nos que durmir, comer ou facer actividades. Ademais, tamén hai un apartado específico dedicado ao patrimonio, dividido en ambiental (onde se recompilan recursos naturais como as praias ou os roteiros de sendeirismo), civil (como A Senra, o Pazo de Mariñán ou o Puente do Pedrido) e relixioso (como o mosteiro de San Salvador de Bergondo ou a igrexa de San Xoán de Ouces).

Outro dos apartados da web, que xa leva un tempo en funcionamento, recolle a información de interese e os servizos dispoñibles no municipio. Aquí aparecen reflectidos servizos como veterinarias, taxis, ou centros médicos; así como Policía Local, Garda Civil, farmacias ou a biblioteca municipal. Isto achega un valor engadido para os e as residentes de Bergondo, xa que poden atopar nunha única web os principais servizos básicos que ofrece o Concello.

Por último, en ViveBergondo tamén hai unha sección dedicada ao proxecto “Bergondo en feminino”, unha iniciativa impulsada pola Concellería de Servizos Sociais para a sensibilización en materia de igualdade de xénero. Nel púxose en valor a figura de 15 bergondesas importantes en diferentes ámbitos nos seus territorios, fundamentais para o desenvolvemento das súas comunidades.

Desta forma, este portal recompila a información máis relevante a nivel turístico, cultural e de servizo para todas aquelas persoas que elixan visitar Bergondo en calquera época do ano.

Ligazón á web: https://vivebergondo.com/