Friday 22 de November de 2024

A Xunta e o concello de Curtis analizan o proxecto para mellorar o xubministro de auga en Teixeiro


Tamén estudaron a situación de varias sendas fluviais e a limpeza de varios tramos nos ríos da localidade

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, analizaron nunha reunión que mantiveron recentemente o proxecto para mellorar o subministro de auga no polígono industrial de Teixeiro.

Tal e como lle dixo a conselleira ao rexedor, a obra que permitirá incrementar a captación de auga do río Mandeo así como a súa potabilización rematará en breve, co que será posible dar un mellor servizo ás empresas instaladas neste polígono industrial e que, ademais, son grandes demandantes de auga bruta e potable, así como a unha poboación estimada de máis de 5.000 habitantes de cara a 2042.

Cómpre lembrar que este proxecto, que conta cun orzamento de máis de 2,6 millóns de euros, consiste na mellora da rede de abastecemento da zona, no aumento da capacidade da estación de tratamento de auga potable (ETAP), no tratamento físico-químico da auga e na instalación dunha liña de lodos para os rexeites xerados na mesma.

A maiores, durante o encontro a conselleira e o alcalde tamén abordaron a necesidade de levar a cabo unha rede separativa de augas que evite os problemas que se producen nos días de moita choiva.

Ángeles Vázquez indicou que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á s súa veciñanza.

Por outra banda, na reunión tamén estudaron a situación de varias sendas fluviais e o interese do Concello en levar a cabo a segunda fase na que transcorre na cabeceira do río Mendo. Nese senso, o alcalde tamén solicitou a limpeza de varios tramos fluviais na localidade, que, segundo explicou a conselleira, serán incluídos na planificación de traballos de conservación que executa Augas de Galicia.