O Concello de Neda saca a contratación a obra de pavimentación e mellora da recollida de pluviais do camiño que vai de Forxá a Castiñeiro. A actuación busca contribuír fundamentalmente a reforzar a seguridade viaria dos veciños e das veciñas que utilizan a diario esta pista, ademais de mellorar outras instalacións de servizos urbanísticos.
Así, o proxecto, incluído no POS + 2024, da Deputación da Coruña, contempla o bacheo dos puntos que presentan un estado de conservación máis deficiente, a instalación de canaletas transversais para a recollida de pluviais, a substitución dun tramo de condución destas augas e, como non, o aglomerado en quente de todo o camiño.
A posta a punto da pista, que se estende ao longo de máis de medio quilómetro (562 metros), entre o cruce con Fausto Cansado e lugar de Castiñeiro, completarase co pintado da sinalización horizontal.
A administración local sae a contratación os traballos por un importe de 51.765 euros (IVE incluído). O prazo para que as empresas presenten as súas ofertas estará aberto ata o 24 de xullo, e toda a documentación relativa ó proxecto pode consultarse na plataforma de contratación do sector público.