López Varela expresou a vontade do Concello de cooperar nas principais necesidades que presenta o refuxio.
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, acompañado polos concelleiros Pablo Cambón, Patricia Bello e Rocío López, visitou o refuxio de animais da asociación sen ánimo de lucro Acougo que está en funcionamento desde hai ano e medio na parroquia de Montemaior. O percorrido polas instalacións foi guiado pola impulsora da iniciativa e directora da entidade, Mara Collazo, e a subdirectora, Lilian Collazo.
Acougo é un santuario que acolle de forma permanente animais, maioritariamente ás especies coñecidas como “de granxa”. Case todos proveñen de situacións de malos tratos ou neglixencias en explotacións gandeiras, ademais doutros que chegaron tras quedar sen fogar. En Acougo atopan unha segunda oportunidade, vivindo en liberdade e recibindo atención por parte dos voluntarios e os coidados veterinarios profesionais que precisan.
No momento actual son sesenta os animais que habitan o refuxio, convivindo nel clases tan dispares como vacas, cabras, ovellas ou cochos. A previsión é incorporar proximamente cabalos e galiñas.
As responsables do proxecto explicaron aos representantes municipais o funcionamento do refuxio. Primeiro, o relacionado coas características do recinto, que alcanza as seis hectáreas de extensión, e o modo de vida dos animais, cos que o alcalde e os concelleiros puideron interactuar. Tamén detallaron o sistema de selección dos voluntarios e o traballo diario que levan a cabo no refuxio.
En relación ao financiamento salientaron que, ademais de doazóns de particulares, patrocinios e subvencións públicas, realizan actividades como vendas solidarias -a través das principais plataformas e aplicacións- de material empregado en filmes e series de televisión, así como artigos doados a Acougo por produtoras, actores e actrices destacadas do panorama nacional grazas á vinculación profesional das impulsoras do proxecto co sector audiovisual.
Ademais, detallaron as principais necesidades que presenta o refuxio en relación á mellora das instalacións para optimizar o aproveitamento dos diferentes espazos nos que se divide o recinto, o que redundaría nunha maior capacidade para acoller animais e unha mellor atención por parte dos voluntarios. Neste sentido o alcalde expresoulles a vontade de cooperación por parte do Concello e estudaranse as vías de colaboración municipal para apoiar o proxecto.
A asociación Acougo e o seu refuxio de animais de Montemaior contan coa páxina web www.acougo.org e perfís nas principais redes sociais para que calquera persoa interesada poida coñecer a súa actividade e informarse sobre como apoiala asociándose, doando ou ben postulándose como voluntarios.