Un total de 14 persoas procedentes de distintos puntos da xeografía galega e do resto do territorio nacional experimentaron na súa pel o oficio das mariscadoras grazas ao obradoiro de turismo mariñeiro de balde que tivo como escenario a praia dos Areos na mañá deste 12 de xullo. Estes talleres arrancan coa Semana do Mar que se vive de maneira especial nesta fin de semana coa feira mariñeira que engalana e dinamiza o centro urbano da Pobra do Caramiñal.
Dende a Concellaría do Turismo apóstase un ano máis pola Semana do Mar dentro da axenda estival A Pobra do Caramiñal: vive a experiencia… como unha ferramenta que, se ben ofrece alternativas de ocio, tamén pretende divulga-lo característico nexo do municipio co litoral e a influencia deste en distintos ámbitos.
Aproximadamente 40 postos de artesanía e alimentación están do 12 ao 14 de xullo repartidos entra a praza Victoriano García Martí, o Cantón da Leña, as rúa do Estremo e Unión e os Xardíns de Valle-Inclán. Ademais, as crianzas contan cunha área exclusiva para o seu divertimento dentro deste particular mercadiño.
Os obradoiros de marisqueo a pé proseguirán ao longo do verán, sempre en horario de mañá: 19 e 24 de xullo, así como o 2, 8, 16 e 30 de agosto. O prezo para estes días é de 12 euros por persoa adulta e de 6 euros para menores de 10 anos. Poden formalizarse as inscricións de maneira presencial, na oficina do turismo, situada na Casa Mariñeira (de luns a venres, de 09.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.00 horas, e nos sábados, de 10.00 a 14.00 horas); no enderezo electrónico turismo@apobra.gal; ou nos teléfonos de contacto 981843280 (marcando a extensión 2035), 671090262 e 687482835.