Solicitou a colaboración do ente provincial en programas de saúde pública como o Plan Reduce Radón ou a Rede Galega de Vixianza de Vectores (Regavivec)
Destacou o compromiso de ambos para seguir elevando a aportación que realizan a un “servizo fundamental” como é ó SAF
“Falamos tamén de facer un grupo de traballo para as vías de comunicación provinciais e comezar a ver como se poden intercambiar titularidades”, indicou
Propón que a actividade cultural que fan as catro deputacións poida chegar a todas as provincias baixo a coordinación da Xunta
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acordaron hoxe colaborar en distintos ámbitos como a sanidade, as vías de comunicación ou o cultural. Así o explicaron tras manter unha xuntanza de traballo que, tal e como cualificou Rueda, destacou pola cordialidade e o espírito construtivo orientado a alcanzar acordos en beneficio da veciñanza da provincia da Coruña.
No referido ao eido sanitario, o titular do Goberno galego reafirmou o compromiso da Xunta por ofrecer a mellor atención á cidadanía, poñendo como exemplo o Novo CHUAC, que conta cun “investimento de 445 millóns de euros” e que permitirá prestar atención sanitaria a “máis de 550.000 pacientes das áreas da Coruña e Cee”.
Así mesmo, Rueda solicitou a colaboración da Deputación en programas de saúde pública como o Plan Reduce Radón, “un problema que en Galicia necesitamos abordar e onde os técnicos das Deputacións poden ser un apoio importante”, indicou, en referencia á posible cooperación aos concellos en zonas prioritarias, axudando na realización das medicións dos niveis de radón en edificios públicos. Tamén puxo como exemplo a Rede Galega de Vixianza de Vectores (Regavivec), para colaborar con persoal de campo onde xa se detectaron “carrachas e mosquitos transmisores de enfermidades”.
Apoio aos coidados
Ademais, outro dos temas que trataron ambos foi o “esforzo que temos que facer todas as administracións para manter o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo fundamental”, tal e como indicou o presidente da Xunta, ao mesmo tempo que expuxo o compromiso de seguir elevando a aportación que fai a Xunta a este servizo –este ano destina 130 M€ ao seu financiamento, o que supón un 15% máis que no exercicio anterior–, un compromiso ao que tamén se suma o ente provincial. “Imos intentar entre todos ir aumentando”, asegurou.
Insistiu tamén na necesidade de instar ao Goberno central a cumprir co seu compromiso de financiar o 50% dos servizos sociais municipais, segundo a Lei de Dependencia.
Infraestruturas
O titular do Goberno galego tamén lle trasladou a Gómez Formoso os traballos que está a levar a Xunta en materia de infraestruturas na provincia, destacando os case 21 M€ que se reservan este ano nos orzamentos autonómicos para aumentar a seguridade viaria: “para nós segue a ser unha materia prioritaria”, precisou.
Así mesmo, tamén abordaron a “necesidade de facer cada vez máis planificación no que se refire ás obras hidráulicas”. Neste sentido, indicou que Augas de Galicia destina máis de 62,5 M€ nesta provincia a este tipo de obras en colaboración cos concellos e amosouse disposto a estudar a proposta do presidente da Deputación de facer planificación a tres bandas: cada concello, Deputación e Xunta.
“Falamos tamén de facer un grupo de traballo para as vías de comunicación”, indicou Rueda, en referencia ás estradas autonómicas na provincia; as que dependen da Deputación e que conectan dúas provincias, por exemplo a ponte da zona de Catoira; ou as estradas provincias que entroncan directamente cunha estrada autonómica e que ás veces teñen duplicidades. “Todo iso creo que é bo poñelo en común e falamos de facer un grupo de traballo e comezar a ver como se poden intercambiar titularidades”, explicou.
Parques bombeiros e enerxía
Rueda destacou a importancia da comarcalización dos parques de bombeiros nas grandes cidades, unha “colaboración moi eficaz” entre Concellos, Deputación e Xunta para “conseguir unha prestación máis eficaz e eficiente”. Así, destacou o novo acordo que se acadou en Ferrol para a comarcalización do seu parque e tamén apuntou a que “está a piques de pecharse” a dun novo comarcal en Arteixo. No encontro de hoxe, ambos presidentes coincidiron na necesidade de avanzar no de Santiago e de iniciar conversas para chegar á comarcalización do da Coruña.
Ademais, ambos coincidiron en aproveitar ás “novas oportunidades” que deixan as industrias relacionadas coas novas enerxías. “Ambos tivemos clara a importancia de dar todas as facilidades, por suposto, cumprindo con toda a normativa legal, os trámites e requisitos medioambientais”, explicou, ao tempo que lle agradeceu ao presidente da Deputación a vontade de colaboración.
Intercambios culturais
Na reunión de hoxe, Rueda tamén propuxo “intentar coordinar as actividades culturais que se prestan en Galicia e nas cales as deputacións teñen unha intervención fundamental”. Así, a proposta consistiría en que a actividade cultural da Deputación da Coruña tamén puidese estenderse a outras provincias e viceversa. “Para iso ten que haber un ente intermedio que poña en contacto a actividade cultural intensa que fan as catro deputacións que debe ser a Xunta”, asegurou, ao mesmo tempo que amosou a conformidade de González Formoso coa idea.