Thursday 21 de November de 2024

O Concello de Fene conmemora o Día da Patria Galega cun emotivo acto institucional


O fenés Alexandre Marín foi o encargado de ler a Declaración Institucional ao carón do Monumento Día da Patria Galega, no parque Liñal do Río Cádavo.

O alcalde, Juventino Trigo, convidou a veciñanza a participar nos actos convocados para o 25 de Xullo

O Monumento Día da Patria Galega -situado no Parque Liñal do Río Cádavo- acolleu este serán o acto institucional co que o Concello de Fene conmemora o Día da Patria Galega. Un evento que puxo fin ao ciclo “Xullo, Mes da Patria”, que nas últimas semanas acolleu unha ampla programación cultural.

O acto contou coa participación de Alexandre Marín; do concelleiro de cultura, Justo Ardá; e do alcalde de Fene, Juventino Trigo. O fenés Alexandre Marín -fillo do debuxante e humorista gráfico Xaquín Marín- é actualmente técnico de cultura no Concello de Culleredo, e foi o encargado de ler a declaración institucional do Día da Patria Galega, na que declarou que “como diría Isolino -en referencia á personaxe creada polo seu pai Xaquín- Galiza ten presente e futuro porque ten pasado, porque ten cultura, ten patrimonio, ten tradición, porque ten unha lingua viva e vizosa e porque ten, por riba de todo, a cada un dos galegos e galegas festexando ser quen son”.

Pola súa banda, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, fixo unha intervención na que subliñou a relevancia histórica e cultural do Día da Patria Galega, facendo un percorrido desde os seus inicios no século XX até a actualidade. “Foi a comezos do Século XX cando a II Asemblea Nacionalista acordou institucionalizar o Día da Patria o 25 de Xullo”, salientou Trigo na súa intervención, lembrando que “desde aquela as conmemoracións do Día de Galiza tiveron  sempre como eixo central a reivindicación dos símbolos e da identidade do País”.

O rexedor fenés destacou “o papel do Concello de Fene na conmemoración desta data, coa organización de múltiples actividades durante o mes de xullo”, e convidou á veciñanza “a pendurar a bandeira azul e branca das fiestras e balcóns, facendo un chamamento á participación nos actos convocados para o 25 de Xullo”.

Rematou a súa intervención Juventino Trigo citando ao poeta nacional Manuel María, “cuxos versos encapsulan o espírito da identidade galega”: “Galiza somos nós, a xente máis a fala. Se buscas a Galiza, en ti tes que atopala”.

Con este acto, o Concello de Fene reafirma o seu compromiso coa promoción e preservación da cultura e identidade galegas, convidando á veciñanza a participar activamente na celebración do Día da Patria Galega o 25 de Xullo.