Sunday 24 de November de 2024

San Sadurniño ten xa aberto o prazo de inscrición na segunda Cronoescalada Sanrockeira


A proba ciclista, de tan só 3,4 quilómetros, celebrarase en Naraío o venres 23 de agosto

Tralo éxito de participantes colleitado o ano pasado, o Concello e Biela e Chaveta volven organizar neste 2024 a proba ciclista denominada “Cronoescalada San Rockeira”. E se se chama así é, en primeiro lugar, porque se trata dunha contrarreloxo que se fai maiormente costa arriba e, en segundo, porque terá lugar en Naraío o venres 23 de agosto, véspera das festas do San Roque. As inscricións para a cita están abertas desde hai varios días a través da páxina emesports.es. O último día para apuntarse -de balde- será o 15 de agosto ás 14:00h… ou ben cando se esgoten as 100 prazas dispoñibles.

A cronoescalada Sanrockeira 2024 volverá estar dividida en dúas modalidades, unha para bicicletas de estrada e outra para BTT. Porén, como resultado da experiencia do ano pasado, reduciranse as categorías quedarán reducidas a Absoluta -18 a 49 anos- e Máster 50 -de 50 anos en diante- tanto en masculina como en feminina. Outra novidade deste ano é que os tempos se controlarán con chip.

En ambas modalidades haberá que completar un percorrido de 3,4 quilómetros de distancia que comezará no campo da festa de Naraío -ao pé da pista polideportiva- e que despois continuará polos lugares do Eirexado, Correlo, o Cerdeirido, a Cernada -polo camiño novo-, Lourido e, finalmente, o lugar de Quintiá.

A saída para a primeira persoa participante darase ás 18:30h e a partir de aí irán arrancando individualmente cada 60 segundos. Os tempos controlaranse con cronometraxe manual. O itinerario discorre sobre firme aglomerado de inicio a fin, o que non significa que sexa un reto doado. De feito, tras un comezo apto para todas as pernas, a cousa complícase a partir do segundo quilómetro cunha costa de nunca acabar que só dá un pequeno respiro no lugar de Lourido para, inmediatamente despois -o respiro non chega a 50 metros- poñerse aínda máis seria ata preto da meta, onde haberá oportunidade de esprintar durante 400 metros para roubarlle algúns segundos ao crono.

A inscrición na II Cronoescalada Sanrockeira é gratuíta e deberá efectuarse antes das 14:00h do 15 de agosto a través da web emesports.es. Hai 100 prazas dispoñibles que se irán asignando por orde de solicitude. Malia ser un evento deportivo de balde, quen se inscriba terá cobertura de seguro e, ademais, a organización tamén contará con ambulancia ante posibles incidencias.

Levarán trofeo os tres mellores tempos masculinos e femininos de cada categoría. Ademais tamén se lle entregará galardón a quen fagan os mellores rexistros femininos e masculinos tanto na xeral en estrada como na xeral en BTT. Hai trofeos, por último, para a muller e o home de maior idade e para as dúas persoas de San Sadurniño que queden mellor clasificadas.

A II Cronoescalada Sanrockeira está organizada pola Concellaría de Deportes coa colaboración do Club MTB Biela e Chaveta e a comisión de festas do San Roque 2024.