A trixésimo segunda edición da Festa da Bici da Pobra do Caramiñal convida a pedalear con fin solidario no 14 de xullo. Esta cita que reúne deporte e solidariedade arrancará ás 11.00 horas na praza Alcalde Segundo Durán; espazo que tamén se establece como meta.
Formalizarase a inscrición mediante a achega dun quilogramo de alimentos non perecedoiros no propio día e na dita praza, a partir das 10.15 horas.
Establécense dous percorridos: o grande consta dun circuíto de case 10 quilómetros por zonas urbanas e rurais, con parada de avituallamento; mentres que o pequeno é de, aproximadamente, 1’5 quilómetros polo centro da localidade e está dirixido a crianzas menores de 8 anos ou rapazada maior desa idade con dificultades para completa-la ruta longa.
Con relación a esta actividade, o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, manifesta que “a Festa da Bici é un evento que transcende a promoción da actividade física. Ten tamén un marcado compoñente solidario como se constata no método de inscrición, permite explora-la localidade sobre dúas rodas, xérase un punto de encontro de xeracións e, a maiores, foméntase a mobilidade sostible con esta alternativa de transporte aos medios de tracción mecánica. E trátase dunha cita ciclista consolidada no calendario deportivo local. Proba disto son os centos de persoas que participan cada ano.”
Disporase tamén na referida praza dun inchable e dunha xincana de habilitade e destreza sobre dúas rodas para o desfrute das nenas e nenos. Sortearanse, así mesmo, unha bicicleta e outros agasallos.
A Policía local, Protección Civil, Motoclub SinFrenos, Sport Bike, Sport Maniotas/Sportmoda, Gadis e Eroski son as entidades colaboradoras e medios de apoio que tamén se implican na organización e no dispositivo desta xornada.