O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou esta mañá xunto con Alberto Barral e Xurxo Gómez, presidente e tesoureiro respectivamente do Club Pasa ou Entorna, a quinta edición da Carreira nocturna Cidade de Narón, organizada polo Concello en colaboración co citado club local. A convocatoria terá lugar o vindeiro 17 de agosto na cidade, con saída e meta na Praza de Galicia, tal e como avanzou o edil naronés.
As categorías establecidas son as de senior (16 a 34 anos); veterano A (35 a 44); veterano B (45 a 54) e veterano C (de 55 en adiante). Todos eles percorrerán un tramo de 7.000 metros, por diversas rúas da zona urbana, e sairán da meta ás 21:30 horas. O prezo de inscrición é de 7 euros. Haberá trofeos para os tres mellor clasificados masculinos e femininos tanto na categoría xeral como os/as tres primeiros/as de cada categoría. Tamén se entregará un agasallo ao corredor e á corredora de maior idade e entregarase o premio “A Picotiña”, para o corredor e a corredora que realicen no menor tempo o tramo de subida á Picotiña, que será cronometrado e ten unha distancia duns 450 metros e que ademais queden clasificados nos 30 primeiros postos do seu sexo na categoría xeral.
Nas carreiras de menores, que comezarán ás 20:00 horas, haberá as categorías de gazapos (nados de 2017 a 2020 incluído), que percorrerán uns 100 metros; coelliños (de 2015 e 2016) que percorrerán 450 metros; coellos (2012 a 2014) que correrán 650 metros e lebres (2009 a 2011), que percorrerán 1.200 metros. O custe da inscrición é, neste caso, de 1 euro.
O cartaz deste ano protagonízao Guadalupe Rubio, integrante do Pasa ou Entorna e recentemente proclamada campiona galega de trail-runnig. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse a partir de mañá venres, ás 10:00 horas, e ata o 13 de agosto a esa mesma hora, a través da web: www.sportmaniacs.com ou na aplicación saudeter live, tal e como avanzaron. Poderán participar un máximo de 500 persoas adultas e 200 menores, tal e como se recolle no regulamento.
As persoas interesadas poden informarse de toda a actualidade do evento a través das redes sociais do club Pasa ou Entorna (Facebook e Instagram).
O concelleiro de Deportes agradeceu a implicación do club local na organización deste evento, un dos clásicos na área deportiva da cidade, e animou á cidadanía a inscribirse e desfrutar da xornada.